Ámbito escolar
Saúde na escola
Este Programa ten como fin introducir a prevención do consumo de drogas no ámbito do ensino obrigatorio, baixo o enfoque da Educación para a Saúde, con anterioridade á aparición do problema, actuando sobre as causas que o orixinan.
A importancia de intervir precozmente entre os escolares radica no feito de que a maior parte dos mozos/mozas teñen un escaso coñecemento dos problemas que aparecen asociados ó consumo de drogas e posúen escasas habilidades para enfrontalos.
Obxectivo xeral
Informar, formar e xerar actitudes e comportamentos positivos para uns estilos de vida máis saudables, superando a tradicional división entre prevención específica e inespecífica cun plantexamento baseado na participación comunitaria.
Obxectivos específicos
- Dotar á comunidade educativa duns instrumentos de traballo que permitan un enfrontamento racional do consumo de drogas.
- Facilitar a comprensión global, toma de decisións e unha posición persoal dos mozos/as ante a saúde e o uso indebido de drogas.
- Dotar ós alumnos/as de coñecementos sobre o coidado do corpo e efectos da actividade física coa finalidade de que valoren os hábitos e as costumes sans como un dos aspectos básicos da calidade de vida.
- Dar ós alumnos/as unha información obxectiva e veraz que lles facilite unha análise crítica das drogodependencias.
- Valorar adecuadamente a autoestima, como facer unha adecuada toma de decisións, adestralos/as no manexo da presión de grupo, na resolución de conflitos e como actuar ante situacións de consumo.
- Axudar ós alumnos/as a desenvolver comportamentos e hábitos saudables alternativos ó consumo de drogas.
- Dotar ós alumnos/as de coñecementos para mellorar as súas actitudes persoais e colectivas ante o/a drogodependente, evitando estereotipos e xuízos que propician o seu illamento e marxinación social.
Actividades
Presentación do programa e dos materiais ó profesorado ó inicio do curso
- Aplicación por parte dos profesores/as do material didáctico na aula
- Seguimento da aplicación e apoio técnico ó longo do curso
Este programa vai dirixido o alumnado e profesorado das etapas educativas de Educación Primaria (de 6 a 11 anos) e Educación Secundaria Obrigatoria (de 12 a 16 anos).
Programa de prevención escolar en secundaria
A escola é o lugar onde se pasa unha importante parte dos primeiros anos da vida. Xunto coa familia, é o ámbito onde o individuo vai crecendo, tanto a nivel individual como social, adquirindo coñecementos e habilidades básicas para o seu desenvolvemento.
Polo tanto, a escola é un escenario clave para realizar intervencións de promoción da saúde. O obxectivo da prevención neste ámbito é que os alumnos/as consigan o maior grao posible de saúde a partir da adquisición de coñecementos e habilidades que favorezan o desenvolvemento de estilos de vida saudables dende unha perspectiva integral, a nivel intelectual, afectivo e social.
Neste sentido no programa, non só se recollen accións dirixidas directamente a frear o consumo de drogas, senón tamén actuacións sobre as variables que están relacionadas co inicio, progresión e mantemento do mesmo; as relacións afectivas é, debido ó auxe das novas tecnoloxías, intervencións encamiñadas a prevención dun uso problemático das mesmas.
Como me relaciono … cas novas tecnoloxías
Obradoiro de prevención dos riscos derivados do uso inadecuado das novas tecnoloxías. Diríxese ó alumnado de 1º da ESO. O obxectivo xeral é previr o uso inadecuado das novas tecnoloxías, a través das formación e as ferramentas axeitadas para que os/as adolescentes sexan capaces de identificar os riscos e a forma de afrontalos.
Como me relaciono … co tabaco, alcohol e cannabis
Obradoiro de prevención do consumo de tabaco, alcohol e cannabis a través das habilidades sociais. Diríxese ó alumnado de 2º da ESO. O obxectivo xeral é informar os/as adolescentes sobre as drogas (alcohol, tabaco e cannabis) e os seus riscos, fomentando a análise crítica a través do aprendizaxe de habilidades, valores, normas e actitudes.
Como me relaciono … cos/as demais
Obradoiro de educación afectivo-sexual, prevención de embarazos non desexados, ITS e VIH-SIDA. Dirixido ó alumnado de 3º da ESO. O obxectivo xeral é fomentar unha vivencia pracenteira e saudable da sexualidade e que estableza relacións interpersoais gratificantes e non discriminatorias.
Como me relaciono … cas drogas
Obradoiro de prevención de do uso/abuso de drogas e outras condutas adictivas. Dirixido ó alumnado de 4º da ESO. O obxectivo xeral é Informar sobre as drogase outras condutas adictivas fomentando a aprendizaxe de habilidades, valores, normas e actitudes, facilitando o pensamento crítico e a toma de decisións saudables.
Programa de prevención escolar en primaria
O alcohol e o tabaco son as sustancias adictivas máis consumidas na nosa sociedade e constitúen un dos maiores problemas sociais e de saúde.
Desde o punto de vista educativo e preventivo sería un erro traballar as drogas ilegais, descoidando o papel introdutorio que realizan as legais (alcol e tabaco), ademais de que estas xa por si mesmas son suficientemente problemáticas para os mozos/as e adultos que as consomen. O período de inicio do consumo destas sustancias está entre os 10 e 13 anos.
Todo o exposto xustifica a necesidade de traballar a prevención de drogodependencias nas alumnas e os alumnos do terceiro Ciclo de Primaria, porque:
- Esta idade posibilita unha actuación temperá no inicio do consumo de tabaco e alcohol.
- Estes alumnos/as permiten unha intervención específica, adaptada ás súas características e aos seus recursos intelectuais. As características psicolóxicas e emocionais destes alumnos/as permiten ir afianzando a incorporación da saúde ao sistema de valores e facilitar o establecemento de hábitos incompatibles co consumo de drogas.
Previr agora facilitará a creación e modificación de actitudes saudables en anos posteriores polo que, a finalidade dos esforzos preventivos dirixidos aos nenos/as, é atrasar a idade de inicio de consumo destas sustancias e, se este se produce, reducilo.
Programa de prevención do consumo de tabaco a través das habilidades sociais
Diríxese ó alumnado de 5º de EP. O obxectivo xeral é informar os/as rapaces/as sobre as drogas en xeral e tabaco, en particular e os seus riscos, fomentando a análise crítica a través do aprendizaxe de habilidades, valores, normas e actitudes. Ademais tamén se traballan a autoestima, as habilidades de interacción social, solución de problemas e toma de decisións.
Programa de prevención do consumo de tabaco e alcohol
Diríxese ó alumnado de 6º de EP. O obxectivo xeral é informar os/as rapaces/as sobre o tabaco e alcohol e os seus riscos, fomentando a análise crítica a través do aprendizaxe de habilidades, valores, normas e actitudes. Ademais tamén se traballan o control emocional, habilidades de interacción social, a solución de problemas e a presión de grupo.