Sangrado no primeiro mes de embarazo?
Ola, teño 17 anos, e estou embarazada. Hoxe decateime de que tiña manchas de sangre na roupa interior. Que podo facer?, miña nai non sabe nada, nin do embarazo nin do sangrado. podédesme dicir que facer?. Grazas.
31-05-2012
A decisión é túa, pero a nosa recomendación é que falaras disto coa túa nai. Pode que nun comezo a súa reacción non sexa a que máis che gustaría, pero falando con ela e explicándolle o que che pasa e estás a sentir seguro que che apoia. Sempre vai ser mellor contar co apoio e o consello dunha persoa adulta que vai querer o mellor para ti e non ter que enfrontarte soa a unha situación así. E ela tamén pode darche recomendacións e acompañarte nesta situación.
En canto ó sangrado durante o embrazo non ten por que implicar dificultade algunha, mesmo e pode ocorrer durante todo o proceso de xestación. Pero sería recomendable que acudises a unha revisión xinecolóxica para saber os motivos do mesmo e descartar posibles dificultades. Ademais, se segues adiante co embarazo as revisións xinecolóxicas son obrigatorias.
Para iso podes acudir a un servizo especializado ou teu médico/a de familia para que che derive ó servizo máis axeitado, dependendo de se vas seguir adiante co embarazo ou non. Tamén podes pedir cita ó Centro de Planificación de Santiago onde che poden asesorar sobre as posibles alternativas que poidas ter par así poder valorar os pros e contras de cada unha. Este centro atópase en Santiago na Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572. Para pedir cita tes que chamar en horario de mañá, ata as tres da tarde.
Sería conveniente que acudiras coa túa nai, xa que no caso de que decidas interromper voluntariamente o embarazo pola túa idade necesitas o permiso paterno/materno. Ademais de non ter que pasar por esta situación ti soa.
Se queres falar con nós directamente podes acercarte ou chamarnos ó noso local ó teléfono: 981 87 40 86 en horario de mañá, deixarnos unha mensaxe no contestador, no correo electrónico (renacer@asociacion-renacer.org) ou por esta mesma canle logo chamámoste nós, sempre garantindo teu anonimato.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.