Dúbida

Ola María:

Teño 18 anos e este mes empecei ca píldora semanal, empeceina o xoves que foi o primeiro día que me baixou a regra, e tiven relación onte e hoxe, pero non exaculou dentro e dicir non exaculou nin dentro nin fora. Eu teño medo a si hai algunha posibilidade de que quede embarazada?. Suponse que si tomo a píldora que é para previr embarazos.

30-03-2014

A píldora anticonceptiva é moi efectiva dende o inicio do tratamento, sempre que se tome correctamente. Se foi así non existe risco de embarazo nas situacións que comentas, xa que comezaches a tomalas o primeiro día de regra e, polo tanto, son efectivas dende ese mesmo día.

En relación, a píldora anticonceptiva diaria, é importante recordar que o fundamental é tomalas correctamente sen esquecer ningunha. A modo informativo, tamén hai que ter en conta certas circunstancias que poden diminuír a súa eficacia:

- Se se producen vómitos dentro das 3 horas posteriores á toma débese tomar unha nova pastilla activa tan pronto como se deteñan os vómitos. Se se logrou tomar un novo comprimido dentro das doce horas do horario habitual de toma, a eficacia non se altera.

- As diarreas moi intensas e persistentes poden diminuír a absorción dos anticonceptivos. Neste caso, será preciso empregar o preservativo ata 7 días despois de superar o cadro.

- Algunhas medicacións poden diminuír a absorción ou eficacia das pastillas anticonceptivas. As de uso máis frecuente son os antibióticos, que alteran a flora intestinal e polo tanto perturban a absorción das pastillas anticonceptivas. Para manter a máis alta eficacia anticonceptiva debe utilizarse un preservativo durante todo o tratamento antibiótico e ata completar 7 días de pastillas anticonceptivas logo de rematado o tratamento.

- Certas drogas que se utilizan en neuroloxía ou psiquiatría tamén poden afectar a eficacia dos anticonceptivos orais.

Ante calquera dúbida sobre posibles interaccións de medicamentos é conveniente preguntalo o/a medico/a.

Lembra que a pílula anticonceptiva só nos protexe de embarazos non desexados, nunca de ITS e/ou VIH-SIDA.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.