Como podo facer para....

A ver o meu mozo dime que o quere facer pero eu teño dúbidas, somos os dous primeirizos e ambos con ganas. Pero eu cando esta a punto de xurdir póñome moi nerviosa e marcho. ¿como podo facer?, teño moitas ganas de facelo con el e aparte teño medo a que a miña inseguridade custe problemas a nosa relación.

29-11-2015

Antes de nada, non debedes ter presa, non é unha carreira para chegar a un determinado sitio.

É normal e común que teñamos ansiedade e medo ante a primeira relación sexual, ante a “primeira vez”. É unha experiencia nova onde pretendemos gozar de momentos de pracer con alguén polo cal nos sentidos atraídos/as, con alguén que nos gusta. Queremos facer do momento algo moi especial, queremos gozar e facer gozar, e non sabemos como facelo.

O primeiro día de escola, o primeiro traballo, o primeiro amor, o primeiro bico, a primeira relación sexual,… A nosa vida está chea de “primeiras veces”. Todas as cousas que facemos por primeira vez son especiais, é a primeira relación sexual non é unha excepción. Adoitamos lembrarnos das primeiras veces como algo fermoso, como ese pasiño que demos na nosa vida, pero non nos podemos esquecer dos medos e da ansiedade, das dúbidas de non saber como facer. Ademais normalmente formámonos unha idea do que pode ser esa primeira vez polo que ve nas películas onde todo soe ser marabilloso, é dicir que mitifícase o primeiro contacto sexual.

É importante non deixar que ese medo e inseguridade sexan os protagonistas. Iso vai depender de ti, das expectativas que teñas, de que “deixes” que sentimentos “negativos” despracen as sensación pracenteiras que poidas obter, de como vivas e percibas ese momento, da persoa con que a vaias a manter esa primeira relación sexual, do nivel de confianza e comunicación que teñades, do respecto, …

Para isto podedes buscar un momento agradable, un lugar cómodo que nos permita sentirnos relaxados/as e tranquilos/as, ir sen presas, probando pouco a pouco con xogos que nos permitan sentirnos a gusto co noso corpo, coa persoa que estamos.

Deberiades falar, dicirvos o que estades a sentir, xa que nunha relación de parella algo fundamental é a comunicación e coñecer a outra persoa, os seus gustos, desexos, ... para así poder gozar e compartir o que vos gusta, e a sexualidade non é unha excepción.

Xeralmente, as persoas atribúen á primeira relación sexual un gran peso, unha alta carga de esixencias que non axudan a facer desa primeira vez un encontro agradable. Se a as cousas non saen ten ben como se imaxinaba ou como se desexaba, existirán outras relacións. Nas prácticas sexuais tamén se require aprendizaxe.

É fundamental ter a primeira relación cando se queira e porque se quere, non porque existan presións, e sobre todo tomar precaucións para previr embarazos non desexados e o contaxio de Infeccións de Transmisión Sexual. O preservativo é o único método capaz de protexer das ITS e dun embrazo non planificado, por iso é recomendado o seu uso en todas as relación sexuais.

Ademais, sexualidade non só se centra non órganos xenitais, xa que todo o noso corpo é sexuado o que implica que podemos obter pracer a través de calquera das súas partes.

Existen infinitas situacións, experiencias, obxectos, estímulos, persoas que poden resultarnos pracenteiros. Algunhas son bastante comúns e están influenciadas pola cultura, as mensaxes sociais, os medios de comunicación, pero no fondo, o que nos resulta pracenteiro é unha experiencia única e persoal: bailar pegadiños, unha caricia máis suave ou máis intensa, o coito vaxinal ou anal, unhas mans cálidas, o cheiro a colonia ou o cheiro corporal recentemente duchado, o sabor salgado, o chocolate, unha canción ou outra, un xesto, unha masaxe nas pernas, os bicos, ver ou sentir o que me gusta, un recordo, acariñar unha zona ou outra do corpo, masturbar, o sexo oral...e infinidade de posibilidades máis.

Aquilo que nos resulta pracenteiro, que esperta o noso desexo, chéganos a través dos sentidos (a vista, o gusto, o olfacto, o oído e o tacto) e é interpretado polo noso cerebro. Por exemplo: cada persoa pode gozar de distintas formas das caricias; hai moitas maneiras de tocar e ser tocados e tocadas, e con diferentes intencións: un abrazo de agarimo, unha palmada de ánimo, tocar o corpo para dar unha masaxe relaxante, tocar os xenitais para chegar ó orgasmo...

Para o pracer non hai receitas, e moitas veces non é tanto o que senón o como, con quen... en realidade hai tantas maneiras de dar e recibir pracer como persoas existen.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.