Embarazo imprevisto.
Boas, esta é a miña historia. Teño 19 anos e estou embarazada, ninguén o sabe nin o pai nin miña nai. Necesito axuda. Como o conto?. Que teño que facer durante o día a día co embarazo?. Estou perdida. Onde se poden facer as interrupcións dun embarazo?
29-09-2015
Por este medio é algo complicado responder xa que son varias as cuestión que plantexas, polo que se queres podes acercarte ó noso local (en horario de mañá) ou chamarnos ó noso local ó teléfono: 981 87 40 86 e ou deixarnos unha mensaxe no contestador ou no correo electrónico (renacer@asociacion-renacer.org) e logo chamámoste nós, sempre garantindo teu anonimato. De todos os xeitos, a continuación deixámosche algunhas recomendacións que esperamos que che sexan útiles para afrontar esta difícil situación.
É fundamental que non te enfrontes a isto soa, polo que sería importante que compartirás cas persoas próximas a ti este momento; permítelles demostrarche o seu apoio. Pensa en persoas coma a túa parella, o teu pai ou nai, , … poden escoitarche e axudarche. Pode que nun comezo a súa reacción non sexa a que máis che gustaría pero falando con eles e explicándolles o que che pasa e estar a sentir van a axudarche e apoiarche no que necesites. Como contalo?, non hai unha forma “correcta” pero debes ser sincera e dicir o que che ocorre e que estás a sentir (medos, inseguridades,…) e así poder valorar as posibles solucións a esta situación.
Se xa confirmaches o embarazo tes que decidir se queres levalo a cabo ou non, a decisión terá que basearse na túa situación e circunstancias persoais. Debes pedir axuda canto antes por que, aínda que debe ser unha decisión meditada, non deixes pasar moito tempo, tanto se queres seguir adiante co embarazo coma se decides interrompelo.
No caso de seguir adiante co embarazo pon todo o que estea na túa man para afrontar este importante cambio: realiza un bo seguimento do embarazo (debes acudir ó teu centro de saúde para que dende o comezo realices un control axeitado) , fai preparación parto, educación maternal, busca información sobre o coidado de recen nado, etc.
Se decides interrompelo, aínda que non debes tomar decisións precipitadas, é necesario que o decidas pronto. En canto as posibles alternativas que vas ter van depender do tempo de xestación no que te atopes. Para un mellor asesoramento podes acudir a un servizo especializado ou teu médico/a de familia para que che derive ó servizo máis axeitado. Xeralmente, o médico/a de familia soe derivar o Centro de Planificación de Santiago ó que tamén podes chamar directamente e pedir cita coa psicóloga, que a soen dar o día e con ela poderás falar das diferentes alternativas que poidas ter para así poder valorar os pros e contras de cada unha. O Centro de Planificación atópase en Santiago na Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572. Para pedir cita tes que chamar en horario de mañá , ata as tres da tarde.
A modo informativo, en canto a lexislación a Lei Orgánica de Saúde Sexual e Interrupción Voluntaria do Embarazo (do ano 2010) establece que a muller non está obrigada a dar ningún motivo para levar a cabo a interrupción voluntaria do embrazo ata a semana 14 de xestación. Mais aló dese período e ata a semana 22, poden facelo só se se aprecian malformacións no feto ou se hai risco para a saúde física e/ou psicolóxica da nai. Despois de este tempo, a interrupción voluntaria do embarazo só está permitida se un comité médico determina que existe unha malformación grave ou incompatible coa vida.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.