Resposta a outra
E se pasasen tres semanas dende o coito cales serian os métodos?
28-07-2015
Entendemos que o que preguntas é que facer se tiveches una relación sen protección fai máis de tres semanas e poida producirse un embarazo non desexado. Neste caso a opción que tes é a interrupción voluntaria do embarazo, é dicir, o aborto.
Sería recomendable que acudises ó medico/a ou a un centro de planificación familiar para que che asesoren e valoren o teu caso especialistas. Como xa che comentamos o centro de planificación familiar máis preto á nosa comarca atópase en Santiago, onde especialistas che poden asesorar e informarche sobre o proceso (Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572). A atención é gratuíta e tamén anónima.
A continuación deixámosche algunha información:
O aborto supón a interrupción do embarazo. Esta interrupción pode ser espontánea ou provocada. A interrupción espontánea débese a problemas ou dificultades durante a xestación.
A Interrupción Volumtaria do Embarazo, ou tamén chamado aborto provocado, prodúcese cando unha muller ou parella decide pór termo ó seu embarazo.
Pódese practicar de dúas formas:
- Cirúrxica:
A interrupción do embarazo levase a cabo mediante unha breve operación cirúrxica que implica utilizar anestesia local ou xeral, polo que a paciente debe permanecer en xaxún. En xeral, nos centros autorizados lévanse a cabo os seguintes pasos:
- Realízase unha ecografía para verificar o embarazo e o tempo de xestación.
- Practícase unha análise de sangue completo.
- Realízase unha entrevista cun/a profesional de Saúde Mental para verificar a cal dos tres supostos da lei acollerase o devandito aborto.
- Un/a profesional médica fai a historia clínica e informa os pasos hixiénicos-sanitarios a seguir unha vez practicada a interrupción.
- Realízase a intervención que dura menos de 10 minutos, xa sexa con anestesia local ou xeral.
- Farmacolóxica:
Nestes casos realízase a IVE sen necesidade de operación, a través da inxesta da pastilla RU-486 (non confundila coa pílula poscoital) e sempre antes da oitava semana. Este método legalizouse en España en febreiro de 1999. O medicamento adminístrase no Centro ou Hospital autorizado para elo, sempre diante do persoal facultativo e en dúas tomas con 48h de diferenza.
Nalgúns casos non sempre se pode acceder o método farmacolóxico:
- Cando sexa unha muller maior de 35 anos que fume de dez a quince cigarros ó día.
- Que teña máis de sete semanas de xestación.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.