Regra
Ola María, cales son as causas do retraso da regra?
27-05-2014
Na adolescencia, é normal, que as menstruacións non teñan un ritmo, podemos menstruar dúas veces no mesmo mes, como pasar máis de dous meses sen que esta apareza, o que non quere dicir, que non debemos consultar ó noso xinecólogo/a.
A medida que imos crecendo, e sobre todo se mantemos relacións sexuais , as razóns de calquera retraso, poden ter diferentes motivos. O primeiro a descartar é o de embarazo. Podemos facelo de forma moi sinxela e rápida, cun test de embarazo.
Descartado o embarazo, a segunda causa máis frecuente é a chamada psicóxena, é dicir, todas aquelas situacións que produzan tensión emocional poden asociarse cun atraso ou a desaparición da regra. Algunhas mulleres son máis susceptibles que outras á hora de presentar estas alteracións.
Outras causas relativamente frecuentes de alteración do ciclo menstrual son:
- Os cambios bruscos de peso, tanto a obesidade como unha perda importante de peso en pouco tempo.
- Unha mala alimentación, as mulleres que están desnutridas ou con moi baixo peso a miúdo experimentan amenorrea.
- Exceso adestramento físico, o exercicio vigoroso ou adestramento atlético pode causar amenorrea nalgunhas mulleres.
- O consumo dalgúns medicamentos tamén poden ocasionala.
Existen outros motivos fisiolóxicos, menos frecuentes, como os quistes ováricos ou determinadas enfermidades que poden provocar que se retire o período.
É importante estar atenta a posibles cambios na vida diaria e se os retrasos son persistentes acudir ao teu médico para asegurarte de que non se trate dun problema físico.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.