Ola, teño relacións e uso persevativo pero ás veces rompésenos. Non sabemos si é culpa de poñelo mal, gustaríanos que nos explicarades ben como se pon.

24-12-2009

A eficacia do preservativo masculino é alta (97%)se se emprega correctamente tanto para prevención do embarazo non desexado como de ITS e VIH-SIDA pero tendes que ter en conta as seguintes recomendacións á hora de empregalo para que a súa eficacia non diminúa:

  • Compralos en farmacias, ou noutros lugares que ofrezan garantía.
  • Comprobar que estean en bo estado, a data de caducidade e que estean homologados pola autoridade sanitaria e con marcado da CE.
  • Protexelos da calor, a luz e a humidade excesiva (ollo coas carteiras e as guanteiras dos coches, os cambios de temperatura pódenos deteriorar). Polo que, debemos gardalos en lugares frescos e secos.

En canto ós pasos a seguir á hora de poñer o preservativo masculino son os seguintes:

  • Abrir o preservativo con coidado de non danalo con uñas, aneis e dentes.
  • Antes de colocalo, comprobar se o preservativo está ó dereito ou ó revés (isto pódese facer soprando un pouco dentro do preservativo para ver cara a que lado o temos que desenrolar).
  • Colocar o preservativo sobre o pene en erección, antes de calquera penetración vaxinal, anal ou oral. E premer a punta do depósito do preservativo para expulsar o aire e deixar espazo para o seme.
  • Usalo durante toda a penetración. É aconsellable lubricar o preservativo unha vez posto para facilitar a penetración. Moitos xa veñen co lubricante incorporado, pero se non é suficiente pódense comprar nas farmacias, tendo en conta que sexan solubles en auga, xa que os aceites poden estragar o látex do preservativo.
  • Despois de exacular, antes de que a erección diminúa, hai que retirar o pene suxeitando o preservativo pola base. Senón se fai así, pódese correr o risco de que se derrame algo de seme ou que quede dentro da vaxina.
  • Comprobar que non se rompeu (enchéndoo de auga ou premendo o depósito), facerlle un nó e tiralo ó lixo, nunca ó WC nin á rúa (hai que ter en conta que os preservativos non son biodegradables). Se o preservativo rompe durante o coito, hai que retiralo deseguido e substituílo por outro. Recordade que tamén se fose necesario está a anticoncepción de emerxencia.
  • Usar un novo cada vez que se manteña unha relación sexual e se se cambia de práctica sexual (penetración vaxinal, anal ou oral).

 

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. GRAZAS.