¿Como se sabe se se está preparada para manter relacións sexuais con penetración?

O meu mozo fíxome saber que quería ter relacións comigo, pero eu non sei se estou preparada. As veces síntome un pouco presionada, non polo meu mozo, senón por algunhas das miñas compañeira e amigas. Isto crea moitas dúbidas na miña cabeza e estou un pouco confusa. Grazas.

24-09-2013

Saber se unha está preparada ou non para ter unha relación sexual con penetración vai depender da propia persoa, dos seus sentimentos e desexos. Estarás preparada no momento no que che apeteza e o desexes realmente, como estiveches preparada para comezar a sentir, desexar e desfrutar, … e un montón de cousas que as persoas sentimos e vivimos ó longo da nosa vida. Non se trata dunha “proba” con data establecida, as persoas temos ritmos diferentes na vivencia da sexualidade, ca persoa vai descubrindo os seus momentos.

Non é algo que debas impoñerte nin permitir que cho impoñan, xa que é a túa decisión, o teu corpo, a túa mente e os teus sentimentos. Non te deas presa, goza de cada etapa do teu desenvolvemento.

Deberías falar coa túa parella e dicirlle o que estás a sentir, eses medos e dúbidas. Nunha relación de parella a comunicación é fundamental para coñecervos, saber os vosos gustos e desexos … para poder descubrir entre os dous como gozar e vivir satisfactoriamente a vosa sexualidade; un camiño de aprendizaxe enriquecedor e satisfactorio para os dous. Lembra que a sexualidade non só se centra nos órganos xenitais, xa que todo o noso corpo é sexuado o que implica que podemos obter pracer a través de calquera das súas partes. Non é necesario que exista unha relación sexual con penetración para gozar. E aínda mais, se non estas segura pode que a satisfacción non sexa todo o grande que debería.

Se decidides ter unha relación sexual con penetración, algúns van algún consellos:

− Buscade un lugar adecuado.

− Non vos cortedes e falade do tema entre vós.

− Facédeo cando esteades preparados.

− Non esquezades que penetración non debe ser o obxectivo último.

− Antes da penetración, preparade os vosos corpos: bicos, caricias, masturbación mutua e moita excitación. Todo será máis fácil.

− Non forzar a situación. Aos poucos, con coidado e delicadeza.

− A primeira vez é case imposible que sexa perfecta, poida que perfecta en canto a intimidade ou afecto si, pero na realización non, é algo que require máis práctica.

− Se non se finaliza non pasa nada. Podedes continuar noutro momento.

− E, non vos esquecer do preservativo, xa que é o único método que nos protexe de embarazos non desexados, ITS e VIH-SIDA.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.