Estou embarazada pero sigo tendo a regra. Normal?

22-11-2015

Ter sangrado vaxinal e estar embarazada é posible e moi común, especialmente durante as primeiras 12 semanas de embarazo, con todo é un sangrado distinto ao da menstruación.

De todos os xeitos, deberías acudir a facer unha revisión xinecolóxica e comentarllo á persoa de referencia no seguimento médico do teu embarazo.

A modo informativo, os posibles casos nos que se pode dar sangrado e embarazo son:

1. Ter menstruación e estar embarazada: isto é imposible. O sangrado que ocorre cando unha muller está embarazada é moi diferente ao que normalmente ocorre ao final do ciclo menstrual (cando che baixa) nunha muller que non está embarazada.

As diferenzas: aínda que pode ocorrer na data que normalmente tiñas a regra, o sangrado que pode ocorrer cando estás embarazada é:

- De cor máis escura, case café, ou de cor moito máis clara, case rosa.

- Non é tan abundante como o teu sangrado normal de menstruación.

- Dura menos días que o teu sangrado normal de menstruación.

2. Sangrado nas primeiras semanas de embarazo: aproximadamente 30% das mulleres embarazadas teñen algún tipo de sangrado nas primeiras semanas. Isto pode deberse á implantación do óvulo fecundado, a infeccións, irritación cervical, embarazo ectópico ou ameaza de aborto.

3. Sangrado na metade ou final do embarazo: pode significar aborto, ameaza de parto prematuro, placenta previa ou simplemente que a túa cérvix está a se preparar para o parto (nas últimas semanas de xestación).

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.