Grazas
Ola María , son unha rapaza de 14 anos e teño unha dúbida. A min sempre me gustaron os rapaces e mais, estou saíndo con un. Pero fai pouco pásame algo cunha amiga miña. A dicir verdade ela dáme motivos para comportarme así, pois ela ten un trato raro comigo. Non para de mirarme cando estamos na escola, ou de bicarme, abrazarme, dicirme o moito que me quere.... eu as veces para meterme con ela pregúntolle : gústoche ou que ? e ela respóndeme : iso a ti non che importa. E sinceramente póñome nerviosa cando me di iso. Mais dunha vez por un pouco bícame nos beizos e eu non sei que facer . Poderíasme axudar por favor ? Moitas grazas por perder o teu tempo comigo. Saúdos .
21-11-2013
Antes de nada, deberías falar con ela desta situación, dicirlle o que che está a pasar e que ela poida”aclararche” se ten interese por ti (do seu comportamento, enténdese que si, pero sempre é mellor preguntar que supoñer).
O que non queda claro do que ti contas e se ti sentes algo por esa rapaza ou que non sentes nada e non sabes coma afrontar a situación.
Se non sentes nada por esa amiga, aparte de amizade, deberías dicirllo para que esta situación non siga por ese camiño. Claro que é algo persoal por quen sente atracción unha persoa pero dende o momento que esa persoa mostra abertamente o seu interese por nós temos dereito a indicarlle se os seus sentimentos son correspondidos ou non e se nos incomoda facerllo saber, sempre dende o respecto. Lembra que se sente algo por ti é algo bonito e debes sentirte adulada e non por iso vai estragar a relación que xa tendes se o falades abertamente entre vos.
Se a actitude e o comportamento da túa amiga provoca en ti algún sentimento “amoroso” é algo normal na adolescencia. Xa que é unta etapa na que se dan unha chea de cambios, desexos de experimentar, de coñecernos á nós mesmos/as e de relacionarnos cos demais e, en ocasións, pode ocorrer que se teñan fantasías ou condutas homosexuais. Isto pode ser por varias razóns, afán de vivir novas experiencias, por medo a relacionarse con outros sexo, por probar algo novo,….. De feito, hai persoas que, tras ter algunha práctica homosexual, consolidan a súa heterosexualidade e outras persoas, en cambio, terminan definindo o seu desexo cara o mesmo sexo. Ter fantasías ou desexo cara unha persoa do mesmo sexo non determina a orientación sexual.
Se chegaras a ter, nalgún momento, algunha dúbida acerca da túa orientación sexual, o mellor é que teñas un pouco de paciencia e non te deixes levar polos nervios ou la intranquilidade. Deixa que as cousas evolucionen, non as forces. Co tempo irás tendo máis claro este tema, cobrando seguridade e o desexo "aclararase". De todos xeitos, recorda que si tes dificultades ou problemas en relación con este tema, podes pedir axuda. Tamén deberías falar con ela desta situación e ó mellor, podería ser o comezo dunha bonita relación.
Non tes que darnos as grazas nin desculparte por empregar este servizo, é un pracer para nós poder “axudarvos”, aínda que ás veces tardemos algo en contestar, tentamos facelo ó máis rápido posible pero non sempre é posible.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.