por que non lle chamades ó chubasqueiro polo seu nome?

20-11-2009

Segundo Dicionario da Real Academia Galega a definición de chuvasqueiro é: peza de roupa impermeable para protexerse da chuvia.

Esta definición resume o obxectivo que pretendemos conseguir coa campaña Eu Quero Chuvasqueiro: que o preservativo sexa “algo” que levas contigo sempre (coma a roupa) e que nos protexe nas relacións sexuais. A través do contacto do seme (a “chuvia”) coa vaxina e o fluxo (no caso do sexo do vaxinal) é cando pode producirse un contaxio dunha ITS, do VIH ou, tamén producirse un embarazo non desexado; entón, será o preservativo quen fará de barreira “impermeable”. Lembremos, tamén, que á hora de usar o preservativo temos que poñelo antes da penetración, pois “antes de chover sempre chispea”.

Con esta metáfora pretendemos facer unha campaña atractiva, para que teñamos presente que o preservativo é o único método que prevén tanto de ITS, VIH/SIDA como de embarazos non desexados, e así integralo na nosa vida cotiá, sempre dende unha perspectiva de saúde como valor positivo a fomentar e, fuxindo de mensaxes alarmistas e actitudes moralizantes.