¿Estarei embarazada?
Tiven coito sen preservativo o día 4 de abril e agora teríame que vir a e regra e non me ven. Onte sangrei e cría que era regra, pero paroume. Como non a tiña tiven coito outra vez e cando rematei estaba sangrando outra vez e puxen un tampón. Pero non sei que será, farei a proba? ou esperarei para saber se é a regra?. Moitísimas grazas.
20-05-2012
Ca información que nos proporcionas non é posible saber se estás embarazada, pero si existe risco xa que mantiveches relacións sexuais sen preservativo. Por iso é recomendable facer una proba de embarazo: pódela facer no teu médico/a de familia, comprando un test na farmacia (aínda que depende da marca o seu prezo pode rondar os 10 €) ou nos Centros de Planificación Familiar (o máis próximo a nosa comarca está en Santiago: Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572).
Os test de embarazo miden o nivel de hormona hCG (gonadotropina coriónica humana) que comeza a segregarse cando ó ovulo fecundado implantase no útero (un óvulo fecundado tarda o redor de 7 días en baixar das Trompas de Falopio e chegar ó útero). Hai que ter en conta que a cantidade de hormona producida depende de cada muller, polo que algunhas mulleres poden detectar o embrazo antes que outras. Estímase que nos test de ouriños é posible detectala ó redor do día 14 despois da posible fecundación, pero isto vai depender da proba que se empregue, é máis fácil detectala nun test de sangre (ten que realizalo un médico/a). Para que o resultado sexa totalmente fiable recomendase facela proba 5 días despois da primeira falta da regra.
Algo importante que debes ter en conta cando se manteñen relacións sexuais con penetración é necesario empregar algún método anticonceptivo (hormonais ou métodos de barreira). Ademais dos embarazos non desexados tamén é importante a prevención de infeccións de transmisión sexual, o preservativo é o único método que prevén tanto, de embarazos non desexados como de infeccións de transmisión sexual.
En canto os sangrados que comentas, poden ter múltiples causas: que teñas regras irregulares ou que o teu ciclo menstrual se modifique por diversas circunstancias: cambios na alimentación e no ciclo sono/vixilia, por situacións de estres, …. como pode ser a que estás a vivir: a incertidume dun posible embarazo pode facer que a regra se retrase. Ademais, nalgunhas mulleres o sangrado menstrual non é diario e a penetración vaxinal pode facer que a regra baixe. Para coñecer mellor a razón destes sangrados irregulares e se seguen persistindo sería recomendable facer unha exploración xinecolóxica. Para o que podes pedir cita a través do teu médico/a de familia ou acudindo a on Centro de Planificación Familiar, que che indicamos anteriormente.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.