A miña regra é irregular e tiven relacións sexuais sen preservativo co meu mozo pero non chegou a exacular. Agora teño como perdas de sangue pero non sei si será a regra, que podo facer?

Cando teño relacións sexuais dóeme, en cambio antes non me doía, pregúntome que me estará a pasar. Por favor necesito unha resposta urxente.

20-05-2012

RESPOSTA:

Aínda que nunha relación con penetración non se exacule na vaxina se non se emprega un método anticonceptivo (por exemplo, o preservativo) pode existir risco de embarazo xa que o líquido preseminal pode conter espermatozoides, aínda que en menor cantidade que nunha exaculación, pero non debemos esquecer só fai falla un espermatozoide para que se fecunde un óvulo. Polo tanto, si que existe risco de embarazo se houbo penetración ou contacto deste coa vaxina, se non se empregou axeitadamente un método anticonceptivo.

O liquido preseminal é unha secreción das glándulas de Cowper, producida para a limpeza e lubricación da uretra antes da exaculación no home. É coma un líquido transparente e de consistencia viscosa que aparece no orificio do pene durante a excitación, e a medida que esta excitación aumenta, maior será a cantidade de líquido preexaculatorio, especialmente en momentos previos a que ocorra a exaculación.

En canto as perdas de sangue poder ser por múltiples causas e una delas é a que estás a comentar xa que soes ter ciclos mentruais irregulares ou outras coma situacións de estres coma a que estás a vivir, o que pode facer que o sangrado menstrual non sexa diario e/ou exista retraso na regra. Para coñecer mellor a razón destes sangrados irregulares e se seguen persistindo sería recomendable facer unha exploración xinecolóxica. Para o que podes pedir cita a través do teu médico/a de familia ou acudindo a un Centro de Planificación Familiar, o máis próximo á nosa comarca está en Santiago: Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572).

En canto a dor nas relación sexuais pode ocorrer que antes non existira e agora si. A dor normalmente provén do medo, do nerviosismo, do descoñecemento e da falta de información. Se ó manter unha relación sexual con penetración estás nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraídos e poden dificultar a penetración, ademais se non te sentes a gusto e excitada, os labios menores segregarán menos fluxo vaxinal o que tamén dificulta a penetración. Canta máis confianza e comodidade teñas coa túa parella, máis relaxada estarás e así os músculos da vaxina dilataranse. Tamén pode ocorrer que teñas dificultades para segregar fluxo vaxinal, para isto pode servirche de axuda un lubricante extra, que podes conseguir nunha farmacia.

Deberías falar disto coa túa parella, para entre os dous poidades conseguir unha boa excitación e que así os músculos da vaxina se dilaten. Unha forma de conseguilo e relaxarse, xogar ca parella e deixarse levar pólas sensacións e o pracer (que non só nolo dá a penetración, e ata podedes deixala para outro momento, xa que se estás demasiado atenta a se che vai volver doer a excitación non será tan boa e a dor aparecerá).

Tamén é fundamental sentir liberdade para elixir o momento e a persoa coa que o queres facer. A dor tamén pode indicar que o estás facendo por presión, temor a perder á parella, ou por “encaixar” co que fan o grupo de amigas/os. En todo caso pensa que as molestias irán desaparecendo nas seguintes relacións, e en canto te sintas relaxada e cómoda. Se aínda así segues tendo dor deberías acudir a unha exploración xinecolóxica para poder descartar outras posibles causas.

Algo importante que debes ter en conta cando se manteñen relacións sexuais con penetración é necesario empregar algún método anticonceptivo (hormonais ou métodos de barreira). Ademais dos embarazos non desexados tamén é importante a prevención de infeccións de transmisión sexual, o preservativo é o único método que prevén tanto, de embarazos non desexados como de infeccións de transmisión sexual.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.