O meu mozo propúxome ter relacións sexuais pero teño medo de non satisfacelo porque para min sería a miña primeira vez, sen embargo para el non. Que debo facer?
20-01-2011
O que deberías facer é falar con el, dicirlle o que estás a sentir, xa que nunha relación de parella algo fundamental é a comunicación e coñecer a outra persoa, os seus gustos, desexos, ... para así poder gozar e compartir o que vos gusta, e a sexualidade non é unha excepción.
Ademais, lembra que a sexualidade non só se centra non órganos xenitais, xa que todo o noso corpo é sexuado o que implica que podemos obter pracer a través de calquera das súas partes.
Non é necesario que exista unha relación sexual con penetración para gozar. E aínda mais, se non estas segura pode que a satisfacción non sexa todo o grande que debería, e pode provocar que ningunha das persoas se sinta todo o ben que debería e mesmo que algunha delas se sinta realmente mal. Tampouco se trata de satisfacer só á outra persoa, senón que as dúas persoas se satisfagan mutuamente, que entre os dous desfrutedes e busquedes como facelo.
Non hai modos "correctos" de vivir e desfrutar nas relacións sexuais, xa que cada persoa vívea de xeito diferente; o que a unha persoa lle procura pracer pode non procurarllo a outra. Por iso é moi importante saber cales son os teus desexos (sexuais, afectivos, ...) Coñecéndoos, poderás satisfacelos e, se non os coñeces, poderás satisfacer os doutras persoas, pero isto non te vai facer sentir ben... e, non o esquezas, tes todo o dereito a sentirte moi ben. Tes dereito practicar o sexo se queres facelo, e a non practicalo se non queres... aínda que a outra persoa queira. Por suposto, tamén tes dereito a elixir o tipo de prácticas que desexas e que máis che gustan... así que, xa sabes, é importante para ti que digas "si" ou "non" cando queiras.
Por iso cando tes unha parella é moi importante falar, ir coñecendo a outra persoa, os seus desexos, os seus gustos, ó seu corpo, .... para así ir descubrindo entre os dous como vivila satisfactoriamente.
Imaxínate por exemplo, que a el lle guste un montón esquiar e ti nunca o fixeras e non sabes moi ben se che pode gustar, ¿plantaríaste coller os esquís e tirarte por unha pista?. De seguro que non, pouco a pouco irías aprendendo a poñer os esquís, coller os bastóns e de seguro que el estaría alí contigo ata que te sentirás segura para facelo. E, ese camiño de aprendizaxe sería moi enriquecedor e satisfactorio para os dous. Pois ben, aínda que as relacións sexuais non son como esquiar, si que entre os dous podedes ir aprendendo xuntos a satisfacer os vosos sentimentos, desexos, gustos,... da man un co outro/a, percorrendo xuntos o camiño.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. GRAZAS.