Con cantos anos é normal mostrar ganas de facer o amor e de excitarte cada vez máis?

19-11-2015

Non existe unha idade establecida fixa para comezar a sentir, desexar, desfrutar,…. E un montón de cousas que as persoas sentimos e vivimos, ó longo da nosa vida.

O espertar sexual soe ser na puberdade e esta non se produce na mesma idade en todas as persoas, nin tampouco é igual en todas. Cada persoa vívea dun xeito diferente, unhas son máis curtas, outras máis longas, unhas comezan ates, outras despois, …, Xeralmente nas rapazas soe comezar entre os 8 e os 13 anos e os rapaces entre os 10 e os 15 anos, aínda como xa sabes, cada persoa vai ó sei ritmo.

Na puberdade xorde o desexo sexual. O desexo sexual é unha emoción, un impulso, unha forza que nos move ó encontro íntimo con outras persoas. Motívanos a relacionarnos, a compartir intimidade, a manter relacións afectivas e sexuais, a gozar e pasárnolo ben, a sentir pracer... Xunto coa atracción e o namoramento, forman o que se coñece como sentimentos sexuais, sentimentos que constitúen un magnífico patrimonio da sexualidade humana e que regularán esta durante toda a nosa vida.

O desexo é persoal, e cada persoa víveo de diferente maneira.

É un sentimento normal e saudable. Pódese vivir con maior ou menor intensidade, pode ocupar un lugar máis ou menos importante na nosa vida. Podemos decidir satisfacelo a través de diversas condutas sexuais con outras persoas ou de maneira autoerótica, ou tamén aprazalo. O que non podemos é anulalo ou facer que desapareza. O importante é que non sexa causa de malestar e que podamos vivilo e expresalo con respecto, liberdade e naturalidade.

Podemos sentir desexo ó ver a alguén, ó estar en contacto con outra persoa, ó imaxinar, ó lembrar... e tamén pode aparecer de súpeto, porque o noso corpo reacciona ante un estímulo calquera, e na adolescencia isto é frecuente. Hai moitas persoas, situacións... que poden resultarnos desexables.

Cando desexamos podemos chegar a sentirnos plenos/as de enerxía e excitación. Os nosos corpos reaccionan: cambia a respiración, o pulso, pode aumentar o tamaño dos peitos e os xenitais, pode haber erección nas mamas, o clítoris, o pene, lubricación na vaxina... xorden pensamentos e a imaxinación recréase... desexamos.

A vivencia do desexo sexual é unha experiencia fascinnate e subxectiva. Nesta aventura de relacionarnos, é fundamental facelo cunha ética das relacións, que teña como ingredientes a comunicación, a sinceridade, o respecto, a liberdade...

Lembra que a sexualidade non só se centra non órganos xenitais, xa que todo o noso corpo é sexuado o que implica que podemos obter pracer a través de calquera das súas partes.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.