Como calmar as dores menstruais?

19-09-2012

Algunhas rapazas, durante a regra e nos días previos, senten sensibilidade nos peitos, sensación de tensión e inflamacións o abdome, cólicos, malestar en xeral,... Outras mozas non senten ningún tipo de molestia. É cuestión de prestar atención ó teu corpo para coñecer cales son os teus cambios, coñecer o teu ciclo menstrual pode axudarche a saber aliviar as posibles molestias.

Aquí che deixamos algunhas ideas para aliviar estas posibles molestias:

  1. O exercicio regular e unha axeitada alimentación, axúdanche a estar ben física e emocionalmente, e polo tanto a previr a dor.
  2. Beber auga en abundancia, alimentarte cunha dieta sá, evitar bebidas excitantes, con gas, o alcol... axuda a protexer contra as dores menstruais.
  3. A calor no abdome tamén pode aliviar, polo que podes colocarte unha almofada térmica nas túas costas ou abdome se sentes dor, ou panos quentes.
  4. As relacións sexuais con unha mesma ou outras persoas axudan a diminuír as molestias xa que as contraccións que experimenta o útero durante o orgasmo, axudan a que se desprenda o endometrio (do mesmo xeito que ocorre cos cólicos), polo que seguidas da relaxación que se produce na vaxina, son un excelente e pracenteiro recurso.
  5. Hai infusións e produtos naturais que tamén son unha posibilidade, lembra sempre consultar con profesionais da área.
  6. En casos de moito dor, hai medicamentos específicos para as dores menstruais. Lembra , non te automediques, nin tomes as pastillas dunha amiga. Consulta con persoas especialistas da saúde.
  7. Tamén podes aproveitar estes días, se tes molestias ou dores, para descansar, tomarte intres para ti, coidarte e consentirte: porte ben cómoda, toma un baño relaxante... ¡e, aínda que non tiveses molestias, eses días poden ser un bo momento para coidarte e quererte!.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.