Urxente
Ola María, son outra vez a da píldora. Rematei a píldora deste mes o mércores e fíxeno co meu mozo dúas veces ou así sen condón e acabando dentro. Como che dixen rematei as pastillas o mércores e o xoves, o mesmo dia que as rematei ou mesmo antes manchaba como un fluxo marrón. Onte xa manchei bastante marrón e puxen un tampón pero só o manchei un pouco, hoxe cando me levantei non manchara nada pero ó limparme un pouquiño de nada como un refluxo cor avermellado. Eu non sei se é porque quedei embarazada, non o sei. A pílula o primeiro mes se a tomas ben é efectiva igual aínda que sexa a primeira vez que a tomes?. A min, non se me esqueceu tomar ningunha en todo o mes.
19-04-2014
Antes de nada pedir desculpas pola tardanza na resposta pero non me foi posible facelo antes.
Como xa che comentei anteriormente a píldora anticonceptiva é efectiva dende o inicio do tratamento, así que non tes motivos para preocuparte dun posible embrazo non desexado.
En canto o que comentas dos sangrados a píldora anticonceptiva altera os ciclos menstruais. Un dos efectos secundarios máis comúns e que o sangrado diminúe (mesmo en algunhas mulleres, pode chegar a desaparecer) e tamén que cambia o aspecto da menstruación, que se volve dunha cor máis escura. Polo que, ese fluxo que comentas é a menstruación que muda polos efectos das hormonas que contén a píldora anticonceptiva.
Probablemente, tamén che diminúa a dor durante a regra e observes unha atenuación dos síntomas de tensión premenstrual.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.