Cal pode ser o motivo de que che sangre o ano sen haber tido nunca relacións sexuais?
19-01-2011
As causas máis comúns do sangrado anal soen ser pequenas fisuras anais ou hemorroides.
As fisuras anais son pequenas gretas ou rupturas no tecido delgado e húmido (mucosa) que recubre a parte inferior do recto (ano). Poden causar deposicións dolorosas e sangrado na parte externa das feces ou no papel hixiénico despois dunha deposición. En persoas adultas as fisuras anais poden ser causadas por estreñemento, paso de feces grandes e duras ou diarrea prolongada. Tamén son comúns en mulleres despois do parto e en persoas coa enfermidade de Crohn.
As hemorroides son veas inchadas e dolorosas na porción baixa do recto ou do ano. Soen causar prurito e dor anal, sangrado no papel hixiénico e unha ou máis protuberancias duras e sensibles preto do ano. As hemorroides resultan do aumento da presión das veas do ano, esta provoca o avultamento e a expansión das veas, facendo que doian, particularmente cando a persoas está sentada. A causa máis común é o esforzo na defecación; pero o estreñemento, a permanencia sentado por longos períodos de tempo e a infección anal son factores que tamén contribúen ao desenvolvemento deste problema.
Recomendámosche que mellor acudas á consulta do teu médico/a de familia para que che diagnostique a causa exacta do sangrado e che prescriba o tratamento axeitado.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.