Podo estar embarazada?

Ola, fixen a marcha atrás co meu mozo, e estou tendo un atraso de 5 días, debo preocuparme?. Antes sen ter relacións sexuais xa tivera un atraso dunha semana e pico pero agora mesmo estou teño dúbidas. Saúdos.

18-09-2013

Ca información que nos proporcionas non é posible saber se estás embarazada, pero si existe risco xa que mantiveches relacións sexuais sen una protección axeitada. A marcha atrás non é un método anticonceptivo por que é moi difícil controlar en que momento se vai a producir a exaculación e, ademais, antes da exaculación o pene segrega o líquido preseminal (secreción producida para a limpeza e lubricación da uretra antes da exaculación) que é coma un líquido transparente e de consistencia viscosa que pode conter espermatozoides, polo que pode existir risco de embarazo non desexado.

Por iso é recomendable facer una proba de embarazo: pódela facer no teu médico/a de familia, comprando un test na farmacia (aínda que depende da marca o seu prezo pode rondar os 10 €) ou nos Centros de Planificación Familiar (o máis próximo a nosa comarca está en Santiago: Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572). Para que o resultado desta proba sexa totalmente fiable recomendase facela 5 días despois da primeira falta da regra.

En canto os atrasos na menstruación poden ter diversas causas, non só por estar embarazada. O ciclo menstrual pode verse afectado por múltiples factores coma cambios na alimentación e no ciclo sono-vixilia, situacións de ansiedade, … Tamén pode ocorrer que os teus ciclos mentruais sexan irregulares normalmente. Se este tema é algo que che preocupa podes facer unha revisión xinecolóxica.

Sería importante que empregaras un método anticonceptivo axeitado para que poder ter relacións sexuais pracenteiras e sen ter que preocuparte dun embrazo non desexado ou dunha ITS. Lembra que, o preservativo é o único método que prevén tanto, de embarazos non desexados como de infeccións de transmisión sexual.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.