Colocación condón
Mantiven relacións un día despois de finalizar a menstruación con preservativo pero ao acabar vimos que o condon non fixera vacio como sempre e había semen por todo o interior do condón. O condón non estaba roto porque o comprobamos. Hai risco de embarazo?
17-07-2019
Ola, para que unha muller quede embarazada é preciso que as relacións sexuais sexan no seu periodo de fertilidade, é dicir na fase de ovulación que é unha das etapas do ciclo menstrual.
O ciclo menstrual comeza o primeiro día da menstruación (regra) e remata o día anterior do inicio da seguinte menstruación, constando de 4 fases:
-
Menstruación ou regra, onde o endometrio que é a capa que recobre o útero por dentro, se desprende (isto é o que produce o sangrado) e dura entre dous ou sete días.
-
Fase folicular, dende o día seguinte da regra ata o día 12 do ciclo menstrual, onde o endometrio comeza a crecer de novo, e no ovario tamén vai crecendo o óvulo.
-
Ovulación, aproximadamente do día 14 ó 15 do ciclo (dependendo da duración real do ciclo, xa que hai mulleres que teñen ciclos máis curtos). Nesta fase o óvulo maduro sae do ovario e chega ás trompas de Falopio, logo pasadas 12-24 horas, se non foi fecundado por un espermatozoide disolverase.
-
Fase lútea, logo da ovulación o ovario produce proxesterona, que prepara o endometrio para recibilo óvulo fecundado, se non hai embarazo (óvulo fecundado) a proxesterona deixa de producirse e comeza de novo a menstruación.
Polo tanto, se o teu ciclo é regular e ten unha duración media de 28 días é pouco probable, que se produza un embarazo; por outra banda se o teu mozo retirou o pene da vaxina antes de que o seme se esparcira por todo o preservativo e éste como comentas non estaba roto, as posibilidades de embarazo son escasas.
Agardamos que as nosas indicacións che fosen de axuda, se tiveras algunha outra inquedanza non dubides en poñerte de novo en contacto.