Menstruacións moi dolorosas.

Ola María, mira o meu problema e que desde fai bastante tempo cando todos os meses me ven a regra, ven acompañada dunhas dores moi fortes, fun ao medico e o único que me dixeron foi que si miña nai o consentía comezara a tomar unhas pastillas (hormonas) e como teño 16 anos a miña nai non lle pareceu ben. Que outra solución hai?

E outra pregunta, que pode ser que sintas dores durante a penetración sen ser virxe e usando lubricantes?

Moitas grazas.

15-07-2012

Antes de nada pedir desculpas por non responder antes pero, como avisamos na portada da web, este servizo estivo temporalmente desactivado.

En relación a dor menstrual si que é verdade que os métodos anticonceptivos hormonais, aparte de previr un embrazo non desexado, reducen a dor e cantidade de sangrado. Outras alternativas que che poden servir para aliviar as molestias da menstruación son:

- O exercicio regular e unha axeitada alimentación, axúdanche a estar ben física e emocionalmente, e polo tanto a previr a dor.

- Beber auga en abundancia, alimentarte cunha dieta san, evitar bebidas excitantes, con gas, o alcol... axuda a protexer contra as dores menstruais.

- Podes colocarte unha almofada térmica nas túas costas ou abdome se sentes dor, ou panos quentes.

- As relación sexuais cunha mesma ou outras persoas axudan a diminuír as molestias xa que as contraccións que experimenta o útero durante o orgasmo, axudan a que se desprenda o endometrio (do mesmo xeito que ocorre cos cólicos), polo que seguidas da relaxación que se produce na vaxina, son un excelente e pracenteiro recurso.

- Hai infusións e produtos naturais que tamén son unha posibilidade, lembra sempre consultar con profesionais da área.

- En casos de moita dor, hai medicamentos específicos para as dores menstruais. Lembra , non te automediques, nin tomes as pastillas dunha amiga. Consulta con persoas especialistas da saúde.

- Tamén podes aproveitar estes días, se tes molestias ou dores, para descansar, tomarte intres para ti, coidarte e consentirte: porte ben cómoda, toma un baño relaxante... ¡e, aínda que non tiveses molestias, eses días poden ser un bo momento para coidarte e quererte.

En canto á segunda cuestión que comentas sobre a dor nas relacións sexuais, pode ocorrer que ó manter relacións sexuais doia, sexa a primeira, a cuarta, a décima,... o número de relacións mantidas non ten nada que ver.

A dor normalmente provén do medo, do descoñecemento e da falta de información. Se ó manter unha relación sexual con penetración estás nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraídos e poden dificultar a penetración, aínda que empregues lubricantes e a vaxina estea húmida. Canta máis confianza e comodidade teñas coa túa parella, máis relaxada estarás e así os músculos da vaxina dilataranse. Lembra que á hora de empregar lubricantes tes que comprobar que sexan de base acuosa, xa que se teñen base oleosa poden alterar o látex do preservativo, para iso fundamental comprobar se o produto cumpre a normativa sanitaria e de seguridade para o que estea deseñado (isto ten que estar indicado no envase co marcado CE) e que está testado dermatoloxicamente.

Deberías falar disto coa túa parella, para entre os dous poidades conseguir unha boa excitación e que así os músculos da vaxina se dilaten. Unha forma de conseguilo e relaxarse, xogar ca parella e deixarse levar pólas sensacións e o pracer (que non só nolo dá a penetración, e ata podedes deixala para outro momento, xa que se estás demasiado atenta a se che vai volver doer a excitación non será tan boa e a dor aparecerá).

Todo o noso corpo nos pode procurar pracer. O sexo non debe reducirse só o coito, e moito menos debe ser os primeiros acercamentos o sexo teñamos. A relación con penetración é unha forma máis de comunicación sexual e afectiva da parella, pero nin é a máis importante nin a única, nin debe ser a “meta final” dunha relación sexual; xa que se nos centramos só na penetración estamos a perder un montón de sensacións que o noso corpo nos pode proporcionar.

Tamén é fundamental sentir liberdade para elixir o momento e a persoa coa que o queres facer. A dor tamén pode indicar que o estás facendo por presión, temor a perder á parella, ou por “encaixar” co que fan o grupo de amigas/os. En todo caso pensa que as molestias irán desaparecendo nas seguintes relacións, e en canto te sintas relaxada e cómoda.

Algo importante que debes ter en conta cando se manteñen relacións sexuais con penetración é empregar algún método anticonceptivo (oral ou métodos de barreira). Ademais dos embarazos non desexados tamén é importante a prevención de infeccións de transmisión sexual, o preservativo é o único método que prevén tanto, de embarazos non desexados como de infeccións de transmisión sexual.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.