Por favor, axuda!

Necesito saber se nunha farmacia poderíanme vender a pílula do día despois tendo 15 anos. E no caso de que non funcione, cando podo abortar e se é posible facelo sen o consentimento paterno.

Grazas.

13-05-2013

Para comprar a pílula do día despois ou postcoital non é necesario receita polo que pódese adquirir en calquera farmacia que a dispense, pero é necesario ter 16 anos ou máis.

En relación á interrupción voluntaria do embarazo por ser menor de idade necesitas o consentimento paterno para poder realizala.

Sería recomendable que acudises a un especialista para comentarlle o teu caso para que che proporcione a información máis concreta. Para iso podes acudir ó teu médico/a de cabeceira, xinecólogo/a ou a un centro de orientación e planificación familiar. O máis próximo á nosa comarca é o Centro de Planificación de Santiago, e podes chamar directamente para concertar unha cita. Este é un servizo gratuíto que conta cun equipo multidisciplinar ( psicólogo/a, enfermeiro/a, xinecólogo/a,…). O Centro de Planificación atópase en Santiago na Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572.

A continuación atoparás información máis detallada sobre a pílula postcoital e a interrupción voluntaria do embarazo.

Sobre a pílula postcoital

Non é un método anticonceptivo como os existentes no mercado para planificar a nosa vida reprodutiva, nin nos protexe das infeccións de transmisión sexual. Lembra que o preservativo é o único método que evita ó mesmo tempo os embarazos non desexados e as Infeccións de transmisión Sexual e o VIH/SIDA.

¿Como actúa?

Actúa de maneira moi sinxela. Se mantiveches unha relación sexual cunha rotura de preservativo pode ocorrer que un óvulo sexa fecundado e pode ser que non, non podemos sabelo.

O tratamento poscoital impide a ovulación se esta non se produciu, impide que o óvulo aniñe no útero no caso de que fora fecundado. Obviamente, desta maneira impídese que comece ou embarazo.

Para tomala: ¿cando e como?

Debes tomala dentro das 72 horas (3 días) seguintes á relación de risco, tendo en conta que a eficacia vai diminuíndo a medida que van avanzando as 72 horas; canto antes de tome o tratamento, máis efectivo é. Se transcorreron máis de 72 horas (tres días) dende que se produciu o coito sen protección, non empregues as pílulas postcoitais. Acode ao médico/a de familia ou a recurso especializado para que persoal cualificado asesóreche e poidas valorar as posibles opcións.

É aconsellable comer antes de tomar as pastillas, xa que contribúe a reducir os posibles efectos secundarios que poden darse.

Se vomitas durante as dúas horas seguintes á inxestión das pastillas, necesita repetir á toma canto antes. Se vomitas despois de tres horas de tomar os comprimidos, non te preocupes, a medicación xa che fixo efecto.

Nos días posteriores á toma é posible que apareza un sangrado vaxinal. Tamén pode presentarse coincidindo coa seguinte menstruación. Tras isto, sería moi recomendable que acudiras a unha revisión xinecolóxica para realizar un control, e recibir asesoramento sobre método anticonceptivos. Se non se presenta a menstruación na data esperada debes acudir de novo ao teu médico para realizar un test de embarazo. E se estás tomando anticonceptivos orais tes que continuar tomándoos con normalidade.

Os efectos secundarios son pouco frecuentes, débiles e desaparecen rapidamente. Poden aparecer náuseas, dores de cabeza e desaxustes menstruais.

Non se precisa ningún recoñecemento médico ou análise previos á súa toma. Poden empregala todas as mulleres ó longo da etapa fértil da súa vida e tampouco é necesario que sexas maior de idade para mercala nunha farmacia.

Sobre a Interrupción Voluntaria do Embarazo

O aborto supón a interrupción do embarazo. Esta interrupción pode ser espontánea ou provocada. A interrupción espontánea débese a problemas ou dificultades durante a xestación.

A interrupción volunataria do embrazao (IVE), ou tamén chamado aborto provocado, prodúcese cando unha muller ou parella decide pór termo ó seu embarazo.

Pódese practicar de dúas formas:

Cirúrxica: lévase a cabo mediante unha breve operación cirúrxica que implica utilizar anestesia local ou xeral, polo que a paciente debe permanecer en xaxún.

Farmacolóxica: realízase a través da inxesta da pastilla RU-486 (non confundila coa pílula poscoital) e sempre antes da oitava semana. O medicamento adminístrase no Centro ou Hospital autorizado para elo, sempre diante do persoal facultativo e en dúas tomas con 48h de diferenza.

¿En que condicións podo abortar?:

Segundo o Proxecto de Lei Orgánica de Saúde Sexual e Interrupción Voluntaria do Embarazo a IVE garantirase dentro da carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, sendo así, unha prestación pública a gratuíta. Este, sitúa nos 16 anos a maioría de idade para decidir. As mozas de 16 e 17 anos terán que informar ós seus pais/nais da súa decisión de abortar, excepto nos casos nos que poida suporlles "violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións ou malos tratos".

Prazos e supostos:

Ata a semana 14 de xestación, a muller poderá interromper libremente o embarazo, sempre que, como mínimo tres días antes da mesma, recibira información sobre os seus dereitos e sobre as axudas das que pode dispoñer para a maternidade, se fora esa a súa decisión. Así, garantírase ás mulleres a posibilidade de tomar unha decisión libre e informada.

De maneira excepcional ata a semana 22 a muller poderá interromper o embarazo só en dous supostos: se estivera en risco a vida ou a saúde da embarazada ou se houbera graves anomalías no feto. En ámbolos dous casos, deberá acompañar un ditame médico de dous/as especialistas distintos/as ós/ás que practican a intervención.

A partires da semana 22 só un comité clínico pluridisciplinar poderá autorizar a petición da embarazada cando se detecten anomalías fetais incompatibles ca vida ou enfermidade grave e incurable.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.