Proba

Se te fas unha proba de ouriños de farmacia para determinar o embarazo 18 días despois de ter relacións sexuais e sae negativa é fiable?. E se a fas 25 días despois de ter relacións? Quero saber a fiabilidade... Grazas

13-01-2016

As probas de detectan a presenza nos ouriños dunha hormona que o organismo só produce cando a muller está embarazada, a hormona gonadotropina coriónica humana (hCG). Esta hormona chega ó sangue entre sete e nove días despois da concepción. A partir dese momento, os seus niveis comezan a aumentar rapidamente (a súa cantidade duplícase cada dous días), chegando á máxima concentración ó final do terceiro mes de embarazo.

As actuais probas son capaces de detectar esta hormona nos ouriños aos 15 días da concepción.

Na práctica recoméndase esperar até un par de días despois do atraso menstrual para asegurar que hai unha cantidade de hormona suficientemente alta como para ser detectada e recoméndase facelos cos primeiros ouriños da mañá, xa que posúe unha concentración de hormonas superior.

No teu caso, a marxe de espera é suficientemente ampla para que o resultado sexa fiable, sobre todo se xa tiveches un atraso na menstruación.

En canto a fiabilidade das probas, a maioría dos tests de embarazo caseiros son moi precisos, non todos detectan unha concentración da hormona o primeiro día de atraso menstrual. Algunhas marcas ofrecen información sobre a sensibilidade en miliunidades internacionais por mililitro de ouriños. Por exemplo, un test que é capaz de detectar 25 mUI/ml é máis sensible que outro que detecte 50 mUI/ml de hCG en ouriños.

Como norma xeral, nos resultados das probas:

- Se o resultado é positivo, a muller pode estar segura de que está embarazada.

- Se é negativo, aínda queda unha marxe de erro. Neste caso, recoméndase realizar un novo test cinco ou sete días máis tarde. Se continúa sendo negativo, pero non se recupera a menstruación, é necesario falar co médico para que determine a causa.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.