Por que doe a primeira vez?

12-10-2013

A primeira vez que se manteñen relacións con penetración pode ocorrer que se sinta algo de dor, pero non sempre é así. A dor normalmente provén do medo, do descoñecemento e da falta de información.

Se ó manter unha relación sexual con penetración a rapaza está nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraídos e poden dificultar a penetración, ademais se non se sente a gusto e excitada, os labios menores segregarán menos fluxo vaxinal o que tamén dificulta a penetración. Canta máis confianza e comodidade se teña ca parella, máis relaxada estará e así os músculos da vaxina dilataranse. Unha forma de conseguilo e relaxarse, xogar ca parella e deixarse levar pólas sensacións e o pracer (que non só o dá a penetración, ata se pode deixar para outro momento, xa que se está demasiado atenta a se vai volver doer a excitación non será tan boa e a dor pode aparecer).

Tamén pode ocorrer que a rapaza teña dificultades para segregar fluxo vaxinal, para isto pódese empregar un lubricante extra, que se pode conseguir nunha farmacia.

É fundamental sentir liberdade para elixir o momento e a persoa coa que se quere facer. A dor tamén pode indicar que se está facendo por presión, temor a perder á parella, ou por “encaixar” co que fan o grupo de amigas/os. En todo caso as molestias irán desaparecendo nas seguintes relacións, e en canto se sinta relaxada e cómoda.

Todo o noso corpo nos pode procurar pracer. O sexo non debe reducirse só o coito, e moito menos debe ser os primeiros acercamentos o sexo teñamos. A relación con penetración é unha forma máis de comunicación sexual e afectiva da parella, pero nin é a máis importante nin a única, nin debe ser a “meta final” dunha relación sexual; xa que se nos centramos só na penetración estamos a perder un montón de sensacións que o noso corpo nos pode proporcionar.

Algo importante a ter en conta cando se manteñen relacións sexuais con penetración é empregar algún método anticonceptivo (oral ou métodos de barreira). Ademais dos embarazos non desexados tamén é importante a prevención de infeccións de transmisión sexual, o preservativo é o único método que prevén tanto, de embarazos non desexados como de infeccións de transmisión sexual.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.