É a cuarta vez que manteño relacións sexuais e ségueme doendo. É normal?

11-09-2010

Pode ocorrer que ó manter relacións sexuais doia, sexa a primeira, a cuarta, a décima,... o número de relacións mantidas non ten nada que ver.

A dor normalmente provén do medo, do descoñecemento e da falta de información. Se ó manter unha relación sexual con penetración estás nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraidos e poden dificultar a penetración, ademais se non te sentes a gusto e excitada, os labios menores segregarán menos fluxo vaxinal o que tamén dificulta a penetración. Canta máis confianza e comodidade teñas coa túa parella, máis relaxada estarás e así os músculos da vaxina dilataranse. Tamén pode ocorrer que teñas dificultades para segregar fluxo vaxinal, para isto pode servirche de axuda un lubricante extra, que podes conseguir nunha farmacia.

Deberías falar disto coa túa parella, para entre os dous poidades conseguir unha boa excitación e que así os músculos da vaxina se dilaten. Unha forma de conseguilo e relaxarse, xogar ca parella e deixarse levar pólas sensacións e o pracer (que non só nolo dá a penetración, e ata podedes deixala para outro momento, xa que se estás demasiado atenta a se che vai volver doer a excitación non será tan boa e a dor aparecerá).

Todo o noso corpo nos pode procurar pracer. O sexo non debe reducirse só o coito, e moito menos debe ser os primeiros acercamentos o sexo teñamos. A relación con penetración é unha forma máis de comunicación sexual e afectiva da parella, pero nin é a máis importante nin a única, nin debe ser a “meta final” dunha relación sexual; xa que se nos centramos só na penetración estamos a perder un montón de sensacións que o noso corpo nos pode proporcionar.

Tamén é fundamental sentir liberdade para elixir o momento e a persoa coa que o queres facer. A dor tamén pode indicar que o estás facendo por presión, temor a perder á parella, ou por “encaixar” co que fan o grupo de amigas/os. En todo caso pensa que as molestias irán desaparecendo nas seguintes relacións, e en canto te sintas relaxada e cómoda.

Algo importante que debes ter en conta cando se manteñen relacións sexuais con penetración é empregar algún método anticonceptivo (oral ou métodos de barreira). Ademais dos embarazos non desexados tamén é importante a prevención de infeccións de transmisión sexual, o preservativo é o único método que prevén tanto, de embarazos non desexados como de infeccións de transmisión sexual

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.