Podo conseguir a píldora diaria sen que meus pais saiban nada?. Teño 16 anos e dáme vergoña comentárllelo.

11-04-2013

A pílula anticonceptiva é método baseado no uso de hormonas sexuais (estróxenos e/ou proxesterona). Á hora empregar calquera método anticonceptivo hormonal é necesaria a indicación facultativa dun/ha especialista, que será quen che indica cal é o método máis apropiado para a o caso, xa que existen varias combinacións hormonais e as vías de administración. Para o que podes acudir ó teu médico/a de cabeceira, xinecólogo/a ou a un centro de orientación e planificación familiar. O máis próximo á nosa comarca é o Centro de Planificación de Santiago, e podes chamar directamente para concertar unha cita. Este é un servizo gratuíto que conta cun equipo multidisciplinar ( psicólogo/a, enfermeiro/a, xinecólogo/a,…). O Centro de Planificación atópase en Santiago na Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572. Para pedir cita tes que chamar en horario de mañá.

En canto a idade para poder empregalos, segundo a Lei española sobre a autonomía do/a doente, 41 de 2002, estableceu un sistema de consentimento dos/as menores, cuxa aplicación depende do caso concreto.:

- Como regra xeral, se o/a menor é capaz de comprender, intelectual e emocionalmente o alcance da intervención, e el/a quen debe tomar a decisión autónomamente. Se o/a menor non conta con estas condicións o consentimento débeo proporcionar o representante legal. Despois de escoitar a súa opinión cando é maior de 12 anos.

- Se o/a menor ten máis de 16 anos ou está emancipado/a, non se pode prestar o consentimento por representación. Sen embargo se a intervención e de grave risco o/a profesional pode informar os pais/nais.

A toma da pílula anticonceptiva presenta vantaxes e desvantaxes. Entre as vantaxes da pílula están que regula o ciclo menstrual, pode diminuír as molestias menstruais e algunhas regulan os desamaños hormonais que poden facer, por exemplo, que aumente a lanuxe no corpo (pernas, brazos, cara...). Entre as desvantaxes: hai que lembrar tomala cada día, se esqueces unha toma, non é efectiva nese ciclo, se tes vómitos ou diarreas, antes das dúas horas posteriores á toma da pastilla, hai que repetila, porque poida que o corpo non a asimilara e pode ter efectos secundarios (consultar con profesionais).

Lembrar que a pílula anticonceptiva só nos protexe de embarazos non desexados, nunca de ITS e/ou VIH-SIDA.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.