Importante
Ola María, acabei a caixa da pastilla o mércores, é dicir, onte e hoxe tiven relacións ca miña parella. É que teño entendido que estou cuberta na semana de descanso, pero quero confirmalo para estar tranquila, hai algunha posibilidades de que quedara embarazada?
10-07-2014
Os métodos anticonceptivos hormonais ofrecen protección contra o embarazo durante todo o ciclo, incluída a semana de descanso. Durante a semana de descanso é cando vén a regra. Lembra que os anticonceptivos hormonais actúan mediante inhibición da ovulación, polo que se tomaches ben a pílula todos os días do ciclo, a inhibición mantense de forma adecuada na semana de descanso, aínda que nese momento non esteas a tomar ningún comprimido.
Debes lembrar tamén que unha das principais causas polas que a pílula pode ser menos eficaz do que se espera son os esquecementos durante a súa toma, especialmente se estes esquecementos ocorren durante a primeira semana, dado que, desta forma, prolongas o intervalo sen inhibición hormonal.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.