Obsesion
Boas María. O meu problema ven sendo o seguinte: a min sempre me encantaron os nenos e sempre tiven claro que quería ser nai xoven. Ata as todo ben. O malo chegou que co paso do tempo, concretamente agora os meus case 20 anos, esa ansia pola maternidade mudou en obsesión, que me esta matando psicoloxicamente falando. A miña parella non quere nin oír falar do tema de ser pai de momento a pesar de que el traballa, posto que eu aínda non terminei os meus estudios. Estouno pasando fatal, sinto como si ninguén entendera esta situación. Penso que estou toleando. Necesito consellos por favor non sei a quen mais acudir.
09-11-2015
Antes de nada desculpas pola tardanza, pero non puiden contestar antes.
A cuestión que planteas é moi delicada e complicada de contestar por este medio. Se queres podes concertar unha cita connosco e acercarte ó noso local e así, poder manter unha entrevista persoal, é unha suxerencia.
En canto, os consellos que pides o mellor é o diálogo ca túa parella e contigo mesma.
Ca túa parrela tes que falar do que estás a sentir, dese desexo de ser nai, de como se está a converter en obsesión, de cómo che está a afectar, dos teus sentimentos, … pero non para tentar convecelo senón para que saiba que estás a sentir e che poida apoiar neste intre tan complicado para ti.
Sentirse preparada para ser nai é unha cuestión que circula pola cabeza de moitas mulleres nalgún momento das súas vidas. O desexo de ser nai, de ter e coidar dos fillos/as, chega a case todas as mulleres, pero a decisión depende moito da realidade e da circunstancia de cada unha delas. Algunhas non dubidan, téñeno clarísimo; outras o queren, pero senten inseguras, non preparadas; e outras, aínda que o desexen tanto como as demais, non atopan ou non dispoñen dun oco na súa vida para ter un fillo. En todo caso, a decisión de ser nai non debe transformarse nunha obsesión nin tampouco nunha circunstancia sen consecuencias.
A decisión de ser nai non debe nin pode transformarse nunha obsesión nin tampouco nunha circunstancia sen consecuencias. Ter un fillo/a é unha responsabilidade e un compromiso para ambos, por iso é importante que a decisión consciente e voluntaria por parte do dous. É unha decisión que debe ser meditada con tranquilidade, confianza, seguridade e sinceridade.
Á hora de tomar a decisión é importante e aconsellable que non sexa nun momento de tensión, como o que estás a vivir xa que xa que concibir un bebé nun estado emocional de tensión pode repercutir negativamente no teu estado de ánimo.
O desexo de ser nai e selo e unha das cousas máis bonitas da vida, e non ten que provocar sufrimento ningún, salvo excepcións (enfermidades que imposibilitan, por exemplo). O que pode “custar” entender é esa inmediatez e urxencia que manifestas por ser nai e que se estea a converter nunha obsesión, como ti mesma calificas.
Supoño que igual estás cansa de que cho digan pero ser nai é unha ardua tarefa, con luces e sombras que se afronta moito mellor se unha vai chea de luz e enerxía e cunha vida “encamiñada” (non quere dicir resolta, senón que saibas por onde seguir a túa vida) para que logo “só” teñas que preocuparte e centrar as túas forzas en ser nai, unha estupenda, feliz nai. Polo que, sería recomendable que remataras os estudos antes de ser nai, xa que é unha tarefa que che vai absorber todo o teu tempo, é moi complicado compatibilizar ser nai con estudar. Mentres tanto podes ir falando e planeando un proxecto de vida en común ca túa parella, para que se decides ter un fillo/a exista un ambiente o máis seguro estable para ser comezar va ser unha familia.
Unha recomendación e que tiveras un diálogo contigo mesma, sobre as túas metas máis próximas?, non quere dicir deixar de querer ser nai senón pensar: quero ser nai pero antes debo encamiñar a miña vida, ser feliz para logo engadir máis felicidade cun fillo/a. Pensar por que “necesito” ser nai?, que está ocorrendo na miña vida para sentirme así?, só serás feliz sendo nai?, ….. pensa tamén, que cousas tes na túa vida que che fan sacar un sorriso?, que outros anhelos teño na miña vida?, que teño que facer para conseguilos? ….
Os fillos/as e as parellas non nos complementan coma persoas, somos persoas completas. O que sí fan e sumar.
Non sei se me expresei ben no que che quería dicir, xa que por este medio cuestións coma a que planteas son complicadas de respostar, e se ben estas palabras che poden servir de alivio. Senón reitero o que antes che dixen, acércate polo noso local ou fainos chegar por esta vía un número de teléfono. O anonimato sempre está garantido.