Dúbida importante

Ola María, tiven relacións co meu mozo, e o condón quedoume dentro e costoume un pouco sacalo, tomei a píldora do día despois , e despois de pasar 10-15 fun ao baño e sangrei un pouco, e despois de 2 horas ou hora e media volvín ao baño e xa non sangraba, non sei si o sangrado foi debido a píldora ou foi porque me manquei ao quitar o condón. E outra pregunta máis, podes usar a píldora sempre que teñas unha emerxencia ou si o tomas mais de dúas veces xa non che fai tanto efecto? Grazas e por favor contéstame rápido. Un bico.

08-02-2014

Antes de nada desculpa por non contestar antes pero non me foi posible.

En relación ó sangrado despois de tomar a pílula poscoital pode aparecer sangrado vaxinal nos días posteriores ou tamén pode presentarse coincidindo coa seguinte menstruación. Pero o sangrado que comentas pode ser debido a que ó “forzar” as paredes vaxinais se producira algunha lesión, xa que se trata dun tecido moi sensible. De todos os xeitos, sería recomendable que acudiras a unha revisión xinecolóxica para realizar un control.

En canto á segunda cuestión, existen diversos estudos que indican que non existe un “limite” na toma da pílula poscoital. De todos os xeitos, son estudos feitos polas propias compañías farmacéuticas, así que non son totalmente obxectivos. Pero tomar varias non implica que nas seguintes baixe a efectividade da pílula.

A eficacia da pílula do día despois vai depender depende do momento do ciclo menstrual no que se atope a muller e do lapso de tempo dende a práctica sexual ata a súa toma. Débese tomar dentro das 72 horas (3 días) seguintes á relación de risco, tendo en conta que a eficacia vai diminuíndo a medida que van avanzando as 72 horas; canto antes de tome o tratamento, máis efectivo é (a eficacia nas primeiras 24 horas está entre un 75% e un 95 % e esta diminúe un 0.5% cada 12 horas). Tamén hai que ter en conta se se tomou correctamente, é dicir, se hai diarreas ou vómitos nas dúas horas posteriores á toma da pílula, débese tomar outra.

Deberiades revisar o uso que facedes do preservativo para que a situación que comentas non vos volva ocorrer. Os pasos a seguir á hora de empregar o preservativo masculino son:

Abrir o preservativo con coidado de non danalo con uñas, aneis e dentes.

• Antes de colocalo, comprobar se o preservativo está ó dereito ou ó revés (isto pódese facer soprando un pouco dentro do preservativo para ver cara a que lado o temos que desenrolar).

• Colocar o preservativo sobre o pene en erección, antes de calquera penetración vaxinal, anal ou oral.

Premer a punta do depósito do preservativo para expulsar o aire e deixar espazo para o seme.

Usalo durante toda a penetración. É aconsellable lubricar o preservativo unha vez posto para facilitar a penetración. Moitos xa veñen co lubricante incorporado, pero se non é suficiente pódense comprar nas farmacias, tendo en conta que sexan solubles en auga, xa que os aceites poden estragar o látex do preservativo.

• Despois de exacular, antes de que a erección diminúa, hai que retirar o pene suxeitando o preservativo pola base.

Comprobar que non se rompeu (enchéndoo de auga ou premendo o depósito), facelle un nó e tiralo ó lixo, nunca ó WC nin á rúa (hai que ter en conta que os preservativos non son biodegradables).

Usar un novo cada vez que se manteña unha relación sexual e se se cambia de práctica sexual (penetración vaxinal, anal ou oral).

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.