Hai outro centro renacer en Porto do Son relacionado coa vosa asociación?

Son de Olveira e hai xa tres anos que veñen por aquí a pedir para Renacer de Porto do Son, ó que eu lles digo que eu só lles merco os calendarios a Renacer de Riveira.

Por iso vos pregunto se estades na mesma asociación, xa que se pasan dun concello a outro e non só iso, como non son xente da zona, pensan que están no Son e aínda chegan a dicir que Riveira é do Son.

06-10-2016

A Asociación Antidroga Renacer non ten ningún centro de internamento ó/á drogodependente. As intervencións que levamos a cabo con persoas con problemas de drogodependencia son de carácter ambulatorio e en colaboración co Servizo Municipal de Drogodependencias e/ou outros dispositivos dependentes da Consellería de Sanidade. Do que si dispoñemos é dun local social no centro de Ribeira no que realizamos a nosa labor.

Ademais non vendemos calendarios nin calquera outro artigo. Os nosos fondos proveñen de subvencións da Consellería de Sanidade, da Deputación da Coruña, de donativos e as cotas de socios que nalgúns casos están domiciliadas e noutros contamos cunha persoa acreditada que unha vez ó ano cobran no domicilio dos nosos socios/as.

Entendemos que houbo unha confusión da nosa asociación con outra entidade como é o Centro Evanxélico Renacer, co cal só compartimos parte do no nome e nada máis.

A Asociación Antidroga Renacer somos unha entidade sen ánimo de lucro e o noso principal obxectivo é informar e sensibilizar á sociedade ante o problema das drogodependencias, e apoiar e asesorar ó/á drogodependente e á súa familia. Para o que desenvolvemos diferentes programas dirixidos á promoción de hábitos saudables, especialmente encamiñados á prevención das drogodependencias e do VIH-SIDA nos ámbitos escolar, familiar e comunitario.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.