Dúbida

Son muller e estiven con outra muller e fixémonos dedos, como podo saber que non contraímos nin ela nin eu ningún tipo de enfermidade? como podo facer para evitar este risco ó 100% nas próximas veces?

05-11-2016

Existe risco de transmisión de virus en todas aquelas prácticas en que o virus, no caso do VIH, contido no sangue ou no fluxo vaxinal dunha muller infectada penetran no organismo doutra muller. Un virus entra no noso organismo só a través de feridas; estas poden ocasionarse nalgunhas prácticas sexuais.

No caso que comentas, masturbar ou penetrar á túa parella coa man ou cos dedos pode ser unha práctica de risco se tes pequenas feridas producidas por cortes, queimaduras ou por morderte as uñas, xa que estas poden ser unha porta de entrada a diferentes infeccións. Este risco aumenta coa presenza de sangue menstrual. Para gozar sen risco é suficiente con utilizar unha luva de látex fino ou un protector de dedo (dedil), que podes atopar en farmacias ou en drogarías.

A maneira de saber se existe contaxio dalgunha enfermidade é estar atenta se observas cambios no teu aparello xenital e se así acudir ó médico/a para descartar unha infección de transmisión sexual. Aínda que existen probas de laboratorio, por exemplo para o VIH a proba non se debe facer ata transcorridos os tres meses dende a práctica de risco, xa que antes non sería fiable.

A modo informativo deixámosvos outras prácticas sexuais que poden implicar maior risco de transmisión do VIH e doutras ITS e, sobre todo, de como facer para que estas sexan prácticas seguras:

− Chupar o sexo(cunnilingus): O contacto da boca co fluxo vaxinal é unha práctica sexual con risco de infección; risco que aumenta coa menstruación pola presenza de sangue. Se ides a realizar esta práctica, podedes tomar precaucións para facer que esta práctica sexa segura.

No caso de feridas na boca ou de inflamación nas enxivas, podes utilizar un condón aberto. Tamén podes utilizar un anaco de plástico de envolver alimentos (procura que sexa resistente) ou un dental-dam (barreira de látex que venden nos sex-shops). Elixide o método que máis vos guste.

− Fregar sexo con sexo: Tamén se entra en contacto con fluxo vaxinal, pero se non hai feridas nas mucosas xenitais o virus non terá porta de entrada ó corpo. Só nalgúns casos poderiades causarvos feridas que significasen algún risco. Por tanto, esta práctica é de baixo risco, sobre todo se non hai presenza de sangue. De todos os xeitos, se preferides protexervos de todo, emprega unha barreira de plástico ou de látex colocada entre os vosos sexos.

− Xoguetes sexuais: O intercambio de xoguetes sexuais que entraron en contacto con fluxo vaxinal ou sangue é unha práctica de risco de transmisión de ITS e VIH. Para previlo, utilizade un preservativo para cada unha e non intercambiedes os xoguetes.

Nas prácticas sexuais, á hora de previr, cada persoa escolle o grao de seguridade que quere ter. Lembrádeo.

Esperamos que esta información resolvera as vosas inquedanzas, senón non dubidar en volver a poñervos en contacto connosco ou se tendes algunha outra. Grazas.