Relación a longa distancia
Eu teño unha moza pero que vive en Navarra, a verdade e que falamos moitas veces polo móbil e por facebook pero non sei ben se está ben que saia con alguén que está lonxe de mín. Ademais de que eu quéroa pero sempre estiven namorada dun rapaz que vive onde vivo, pero el só me quere como amiga... síntome infiel. ¿Qué fago?. Rompo ca moza?.
05-06-2012
A decisión ten que ser túa, tes que valorar a situación na que te atopas e analizar os sentimentos que tes cara túa moza e o rapaz que comentas e ser sincera contigo mesma.
O concepto de fidelidade é algo persoal, estás a falar de que estás namorada de outra persoa que non é a túa parella, que nestes intres está lonxe de ti, iso pode pasar xa que en ocasións as relacións a distancia son algo complicadas. Aínda que teñas relación a través das novas tecnoloxías non é o mesmo que ter unha persoa o teu carón, e pode chegar a ocorrer que en ocasións poidamos a chegar a confundir o que sentimos. O que tes que ter calaro que cada parella ten as súas regras e que existen relacións a distancia que funcionan e outras non como existen relacións de proximidade que funcionan e outras non.
Tes que analizar os teus sentimentos, saber ese namoramento que sentes polo rapaz é real ou pode ocorrer, que en ocasións, “idealizamos” a persoas do noso entorno, sobre todo senón somos correspondidos/as e podemos chegar a confundir os nosos sentimentos.
A resposta está en ti, ti sabes o que sentes, o que che atrae e o que queres e logo é cando podes tomar unha decisión, sendo sincera contigo mesma e cos/as demais, para evitar facer dano a outras persoas e a ti mesma. Sería importante tamén que o comentarás logo coa túa parella, independentemente da decisión que tomes. Tamén podes plantexar esta situación a túa parella se tes unha boa relación de confianza, pero non debes delegar as decisións noutras persoas.
Aínda que nestes intres te atopes preocupada e indecisa pensa que se es ti quen toma a decisión sería máis fácil levala a diante e vas estar máis segura do que fas que se outra persoa toma a decisión por ti. A única persoa que che coñece e sabe o que sentes de verdade es ti mesma.
Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.