¿Son bisexual?

E que cando era pequena atraíanme mulleres e homes segundo a miña nai e despois nun curso pensei que só me gustaban as mulleres. É dicir, pensaba que era lesbiana pero dinme conta de que tamén me gustan os homes. Así que non sei ben se estou confusa ou si son bisexual. Porque gústanme as mozas, pero só me sentín atraída por un mozo aínda que el é algo afeminado e as miñas amigas din que non conta, que el é coma unha muller... non sei. ¿Poderíasme axudar?

05-06-2012

Homosexual, heterosexual e bisexual só son etiquetas para diferentes orientacións do desexo pero non implican nada máis que iso, nomear algo, pero non temos que quedarmos como se fose o que nos define por que somos persoas ante todo. A sexualidade é termo moi amplo e que varía en función das persoas, cada unha temos a nosa propia forma de vivila, máis aló das etiquetas existentes.

En vez de definirte en función dunha etiqueta deberías pensar en que che gustan persoas, que nuns casos son mulleres e noutras homes, simplemente.

No caso concreto que comentas de que che gusta un mozo “afeminado”, non deberías confundilo cunha muller, xa que o que soe chamar “afeminado” implica unha forma diferente de ser home que se refire a estereotipos de xénero, que son crenzas erróneas que “determinan” uns roles e maneiras de comportarse en función do noso sexo biolóxico, pero é algo cultural. Hai moitas maneiras de ser home e moitas maneiras de ser muller.

Tamén pode ocorrer que xeralmente te sintas atraída polas persoas do teu mesmo sexo e nalgún momento por unha persoa determinada dun sexo diferente, iso é algo normal e non debes preocuparte por iso. Esquécete de etiquetas, e déixate levar polos teus sentimentos, sexan homes ou mulleres os que che atraian, ó final o que nos atraen son determinadas persoas.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.