Rara situación

Ultimamente un anaco despois de manter relacións sexuais danme ganas de vomitar e estou algo asustada e moi extraño xa que nunca me pasou tal cousa. Grazas pola axuda.

05-01-2016

As ganas de vomitar poden vir provocadas por unha situación de nerviosismo. Ó manter relacións pode que esteas nerviosa o que provoca unha certa irritación da mucosa do estómago, e de aí que che dean ganas d vomitar. Ocórreche noutras situacións nas que tamén poidas estar nerviosa?.

Se é por ese motivo deberías aprender a relaxarte, a pararte un pouco máis en gozar do teu corpo e do da túa parella, con caricias, bicos, xogos,… mesmo deixando a penetración para máis adiante ata que desaparezan eses sentimentos. Ademais tamén pode estar a ocorrer que como xa che pasou algunha vez con anterioridade, antes de ter relacións xa estás a pensar en que che vai volver ocorrer o que fai que esteas máis nerviosa, e isto fai que tiñas máis ganas de vomitar, un círculo vicioso.

Lembra que, a sexualidade non só se centra non órganos xenitais, xa que todo o noso corpo é sexuado o que implica que podemos obter pracer a través de calquera das súas partes.

Existen infinitas situacións, experiencias, obxectos, estímulos, persoas que poden resultarnos pracenteiros. Algunhas son bastante comúns e están influenciadas pola cultura, as mensaxes sociais, os medios de comunicación, pero no fondo, o que nos resulta pracenteiro é unha experiencia única e persoal: bailar pegadiños, unha caricia máis suave ou máis intensa, o coito vaxinal ou anal, unhas mans cálidas, o cheiro a colonia ou o cheiro corporal recentemente duchado, o sabor salgado, o chocolate, unha canción ou outra, un xesto, unha masaxe nas pernas, os bicos, ver ou sentir o que me gusta, un recordo, acariñar unha zona ou outra do corpo, masturbar, o sexo oral...e infinidade de posibilidades máis.

Aquilo que nos resulta pracenteiro, que esperta o noso desexo, chéganos a través dos sentidos (a vista, o gusto, o olfacto, o oído e o tacto) e é interpretado polo noso cerebro. Por exemplo: cada persoa pode gozar de distintas formas das caricias; hai moitas maneiras de tocar e ser tocados e tocadas, e con diferentes intencións: un abrazo de agarimo, unha palmada de ánimo, tocar o corpo para dar unha masaxe relaxante, tocar os xenitais para chegar ó orgasmo...

Se non é isto que che ocorre deberías acudir ó teu médico/a para que che faga unha valoración para saber o motivo desas náuseas.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.