Efectos secundarios das pastillas anticonceptivas

Ola María, mira, eu agora mesmo estou tomando Drosure Diario, e hai un tempo tiven problemas no estómago e o médico díxome que deixara as pastillas, e pasoume. Agora que xa volvín a normalidade volvín a tomar as pastillas pero volvín a empezar co estómago tamén, con náuseas, e vómitos, sabes si nos efectos secundarios destas pastilla diga que pode ter que ver?, terei que deixalas definitivamente?

05-01-2014

Sería recomendable que volveras acudir ó teu médico/a para unha valoración máis específica, xa que nós somos profesionais da psicoloxía non da medicina e para o que nos planteas é necesaria a intervención dun médico/a para que valore esa sintomatoloxía e, se é debida á pílula anticonceptiva, che recomende outro método anticonceptivo máis axeitado para ti.

Ademais, lembra de se os vómitos son nas dúas horas posteriores á toma da pílula esta pode ser “expulsada” é sería necesario tomar outra.

A modo de información dicirche que, que do mesmo xeito que todos os medicamentos, Drosure Diario pode producir efectos adversos, aínda que non todas as persoas os sufran.

No prospecto indican a seguinte listaxe de efectos adversos que se relacionou co uso de Drosure Diario

Efectos adversos frecuentes (afectan entre 1 e 10 de cada 100 usuarias):

- trastornos menstruais, hemorraxia intermenstrual, dor de mamas,

- dor de cabeza, estado de ánimo depresivo,

- hemicrania (cefalea nun só hemisferio cerebral),

- náuseas,

- letargo, secreción vaxinal espesa esbrancuxada e infección vaxinal por fungos

Efectos adversos pouco frecuentes (afectan entre 1 e 10 de cada 1.000 usuarias):

- cambios no interese polo sexo,

- tensión arterial alta,

- tensión arterial baixa,vómitos,

- acne, erupción cutánea, picor intenso,

- infección vaxinal,

- retención de líquidos e cambios no peso corporal

Efectos adversos raros (afectan entre 1 e 10 de cada 10.000 usuarias):

- Reaccións alérxicas (hipersensibilidade), asma,

- secreción mamaria,problemas auditivos,

- obstrución dun vaso sanguíneo por un coágulo formado en algures do corpo,

- trastornos cutáneos como eritema (caracterizado por nódulos dolorosos na pel de cor avermellada) ou eritema multiforme (caracterizado por erupción cutánea con manchas vermellas en forma de diana ou úlceras)

No mesmo documento tamén indican que se consideras que algún dos efectos adversos que sofre é grave ou se aprecia calquera efecto adverso non mencionado neste prospecto, informes ó teu médico/a ou farmacéutico/a.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.