Canto tempo pode ser útil a pastilla anticonceptiva?. Durante canto tempo se pode usar?.

pregunto en referencia canto tempo pode ser útil a pastilla se se toma con moita frecuencia.

Coa pastilla hai risco de embarazo?.

02-12-2009

A pílula anticonceptiva é un tratamento hormonal que impide a ovulación na muller, e por tanto o embarazo e hai tomala por vía oral. No caso da pílula combinada, débese tomar unha pastilla cada día durante 21 días e logo facer un descanso de 7 días, no que aparece a regra; e no caso da pílula sen estróxenos tómase durante os 28 días do ciclo. A primeira vez que se toma débese comezar ó primeiro día do ciclo menstrual, cando comeza o sangrado.

A pílula é efectiva desde a primeira toma, se se toma o primeiro día de regra, pero si se comeza a tomar entre o segundo e o quinto día, non será eficaz ata sete días despois de tomala. Polo que será necesario que nestes días empregues adicionalmente un método anticonceptivo de barreira (por exemplo: o preservativo) se mantés relacións sexuais. Tamén é efectiva durante a semana de descanso, a condición de que inicies un novo envase ó finalizar esta semana sen toma.

A efectividade da pílula de dun 99%, se se toma de xeito correcto; pero esta pode reducirse se:

  • Tomas determinados medicamentos, tales como antibióticos.
  • Se tes vómitos ou diarreas nas dúas horas posteriores á toma pode que o corpo non a asimilara.
  • Non a tomas todos os días a mesma hora
  • Se esqueces tomala un día, podela tomar nas seguintes 12 horas, senón séguea tomando pero emprega outo método alternativo.

Hai anos recomendábase facer un descanso de 1 ó 2 meses cada ano de emprego da pílula. Hoxe sabemos que isto non ten ningunha base científica e que mesmo aumenta o risco de embarazos non desexados. Na actualidade recoméndase non facer descansos (non os confundas coa semana de descanso cada 21 días, que si hai que facela), aínda que sempre deberás facer o teu recoñecemento anual co teu xinecólogo/a, quen che aconsellará respecto diso.

En xeral, a pílula pódea tomar calquera muller sa durante toda a súa vida fértil. Pero debe ser receitada por un/ha especialista (coñece as contraindicacións e poderá indicarche se é un método axeitado para ti). Con todo non se recomenda o seu uso antes dos 16 anos (para deixar que se complete a maduración sexual de forma natural) nin despois dos 45 anos (a esta idade aumenta o risco de padecer alteracións dos vasos sanguíneos ou do corazón). Entre estas dúas idades, e si non hai enfermidades ou antecedentes que a contraindiquen, a pílula é unha alternativa eficaz e segura.

Lembra que a pílula anticonceptiva só nos protexe de embarazos non desexados, nunca de ITS e/ou VIH-SIDA.

 

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dúbides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. GRAZAS.