Embarazo

Canto tempo tardan en manifestarse os síntomas dun embarazo?

01-04-2014

Non todas as mulleres ante un embarazo experimentan os síntomas ó mesmo tempo. Pero, xeralmente, os síntomas non se empezan a sentir ata o primeiro retraso da regra ou ata unha ou dúas semanas despois.

Tampouco experimentan os mesmos síntomas, ou polo menos non con tanta intensidade. O organismo de cada muller é diferente, e non hai dúas xestacións iguais. A modo informativo, os síntomas máis comúns nos primeiros meses de xestación son:

Náuseas: adoitan deberse ao aumento da hormona do embarazo, que alcanza os seus niveis máis altos no organismo no primeiro trimestre de xestación. Ligado ás náuseas tamén se dá un aumento da salivación.

Aumento do peito: ademais vólvese máis sensible pola influencia da hormona proxesterona. A aureola das mamilas escurécese e ás veces mesmo se agranda e aparecen uns pequenos vultiños ao seu ao redor.

Máis ganas de facer pis: débense á presión do útero, que vai crecendo sobre a vexiga, e aos estímulos hormonais, que aumentan a sensibilidade da parede da vexiga.

Cansazo e somnolencia: son consecuencia do aumento da hormona colecistocinina. Os seus niveis no organismo van diminuíndo a partir de cuarto mes de xestación.

Atraso da regra: a amenorrea ou falta da regra é un dos indicios máis evidentes do embarazo, sobre todo se xa se notou algún outro síntoma. Pero algunhas mulleres teñen ciclos menstruais irregulares e non sospeitan nada ata que empezan a notar outros síntomas. Por iso, as mulleres con ciclos menstruais irregulares deben confirmar ou descartar canto antes un posible embarazo.

De todos os xeitos, para confirmar un embarazo é necesario facer unha proba de embarazo e/ou acudir ó medico/a.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.