VII campaña Panos Brancos contra a droga
22/06/2012
A cidade de Riveira é o escenario elixido para desenvolver este sábado 23 de xuño, a partir das 11:30 horas, da sétima edición da campaña de sensibilización social Panos Brancos Contra a Droga: unha actuación promovida conxuntamente pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, o Concello de Riveira e a Asociación Renacer, co obxectivo de por unha parte de posicionarse contra o tráfico de drogas e, doutra, de concienciar á sociedade sobre a importancia de levar unha vida libre de adiccións.
Para explicar os pormenores do evento déronse cita na Casa Consistorial o xerente da Fundación Galega Contra o Narcotráfico, Fernando Alonso; a presidenta de Renacer, María González; e o alcalde local Manuel Ruiz Rivas.
Este último proclamou a satisfacción que supón para o Concello de poder acoller este acto en Riveira para sensibilizar á poboación sobre “a lacra que supón a droga na saúde das persoas e os nocivos efectos do tráfico ilegal” e quixo aproveitar tamén para subliñar o labor que se está a prestar dende a Unidade Asistencial de Drogodependencias, dirixida por Jesús Cartelle.
Fernando Alonso explicou que Riveira recolle a testemuña doutras localidades nas que se celebrou esta acción, como Vilargarcía, Pontevedra, Santiago ou Lugo. En canto ao programa de actos do sábado, explicou que comezará ás 11.30 horas na praza do Concello coa lectura compartida do manifesto institucional da Fundación por parte do presidente da institución, Manuel Couceiro; do alcalde Manuel Ruiz, e de María González, de Renacer.
Como novidade tamén se lerá un segundo manifesto, de carácter máis xuvenil, que por primeira vez vaise facer a modo de rap por parte dunha serie de artistas que colaboran no evento.
Marcha dos abandeirados/as
Logo celebrarase un dos actos máis significativos do evento: unha marcha de abandeirados/as na que se irán relevando unha bandeira branca distintas autoridades e distintos estamentos do municipio e da comarca (de eidos como a sanidade, o deporte, a educación, o tecido empresarial ou o sector do mar, entre outros) nun percorrido que irá dende a praza do Concello ata a praza de Compostela pola rúa de Galicia para despois regresar no sentido inverso.
Unha vez de volta á praza consistorial, e tras a firma da bandeira por todos os implicados/as, realizarase unha solta de pombas brancas, uns graffiteiros/as realizarán un mural relativo a esta ocasión e haberá unha exhibición de breakdance co fin de recadar tamén a participación da mocidade local. Está prevista que a iniciativa finalice ás 12.30 horas.
Para poñer fin a esta actividade interveu a presidenta de Renacer, quen fixo fincapé na importancia de aunar a colaboración de todos/as para loitar contra o abuso de substancias tóxicas e o contrabando, tal e como fai a súa asociación dende hai 22 anos.
FONTE: Concello de Riveira