VIH: Proba rápida no fluído oral

Cartel da campaña

14/07/2011

A finais do pasado mes de xuño comezou o Proxecto de Detección Precoz Anónima de VIH en Galicia mediante o uso de Probas Rápidas en Fluído oral. Este proxecto está promovido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O lapso de tempo que transcorre dende que unha persoa se infecta ata que a infección evoluciona e se converte nun diagnóstico de SIDA, en ausencia de tratamento, ten un rango moi amplo que abrangue dende tan só un ano ata incluso máis de 15, cunha media de 10 anos. O que se persegue é conseguir un diagnóstico da infección o máis rápido posible para que a persoa infectada se poida beneficiar o máis axiña posible do tratamento e das ferramentas de prevención existentes.

Nestes momentos, en Galicia estase a experimentar un importante atraso diagnóstico, e atopamos que un número moi elevado de persoas reciben un diagnóstico, ben de infección polo VIH ou de SIDA, en etapas xa avanzadas, o que implica que se beneficiarán máis tardiamente dos efectos do tratamento, por outra banda poden estar a transmitir a infección ás súas parellas sexuais sen ser conscientes disto, e ademais o custo do tratamento e coidado dos enfermos/as aos que se lles diagnostica a infección de modo tardío é moito máis elevado que aos cales se lles diagnostica precozmente.

Fronte a este problema, fíxase como prioridade para o control da infección diminuír na maior medida do posible os casos de infección polo VIH non diagnosticados. Para acadar este obxectivo son necesarias un conxunto de accións entre as cales se atopa incrementar a accesibilidade da proba do VIH mediante a súa dispoñibilidade en establecementos sanitarios e programas dirixidos a poboacións de difícil acceso e con alta porcentaxe de infradiagnóstico.

Neste marco xorden as probas para a detección rápida do VIH, que non son máis que un complemento ás probas estándar de laboratorio, que pretenden diminuír o máximo posible o tempo de atraso diagnóstico, mediante a ganancia de tempo nun primeiro resultado que non é definitivo.

As vantaxes que presenta este proba rápida no fluído oral son fundamentalmente a accesibilidade (ao non ser necesario ir a un centro sanitario), o anonimato e a inmediatez de resultados (arredor de media hora).

 

¿Qué é a proba rápida no fluído oral?

É una proba que detecta a presenza de anticorpos fronte ao VIH, que é o causante da SIDA. Esta proba faise cunha mostra de fluído oral.

¿Por qué e quen debe facer a proba?

Un terzo das persoas que están infectadas polo VIH descoñecen que o están e por iso poden evolucionar a formas máis graves da enfermidade e perder a oportunidade de recibir o tratamento médico axeitado. O diagnostico e seguimento médico dende estados iniciais mellorarían moito o seu pronóstico. Tamén poden transmitir, sen decatarse, o VIH ás súas parellas sexuais.

A proba rápida do VIH en fluído oral é importante que se faga para axudar a diagnosticar estas persoas que descoñecen a súa infección.

Deben facer a proba de VIH en fluído oral as persoas que tiveron prácticas de risco para contraer o VIH, como poden ser:

  • Os homes que teñen sexo con homes (HSH) e que non usaron preservativo.
  • As persoas heterosexuais con múltiples parellas sexuais e non usaron preservativo.
  • As persoas que exercen a prostitución e os seus clientes se non usaron preservativo.
  • As persoas que compartiron xiringas e outros materiais para inxectarse drogas.

A realización da proba rápida no  fluído oral é anónima e confidencial. Esta proba non é diagnóstica e, polo tanto, deberá ser confirmada por probas de laboratorio, que pode ser solicitada no médico/a de cabeceira.

Para máis información sobre o VIH e os lugares onde facer a proba:

  • descarga o folleto informativo,
  • solicita información no telefono 881 542 960 de luns a venres das 8:00 ás 15:00 horas,
  • ou na web www.sergas.es dentro do Espazo da cidadanía e premendo no botón Contacte connosco.

A mellor estratexia para protexerse contra a SIDA, consiste na práctica do sexo seguro mediante a utilización do preservativos nas relacións sexuais anais, vaxinais e buco-xenitais.

 

FONTE: Información e Xestión da Saúde Pública - Xunta de Galicia