Unha vacina española reduce o virus en pacientes con VIH

Xiringa

02/02/2011

O estudio é un primeiro paso para eliminar os fármacos antirretrovirais, moi caros y con efectos secundarios.

Unha vacina fabricada con células do sistema inmune mesturadas co VIH conseguiu “unha modesta redución” na carga viral de 12 persoas seropositivas que aínda non recibiran tratamento antirretroviral. Un estudo español en fase I publicado en Journal of Infectious Diseases devolve a esperanza á creación dunha vacina terapéutica, unha opción que permitiría que os infectados/as por VIH controlasen a súa infección sen necesidade de tomar fármacos para sempre.

Aínda que os resultados son positivos, a nova vacina non logrou nin de lonxe este obxectivo, aínda que si conseguiu reducir de forma significativa, ao redor da metade, a presenza do virus no sangue. Un dos autores do estudo, o xefe do Servizo de Enfermidades Infecciosas do Hospital Clínic de Barcelona, Josep Maria Gatell, comentou que para lograr que o virus fose indetectable (o que conseguen os antirretrovirais) habería que diminuíla nunhas 100.000 veces.

Gatell recoñece que esta vacina “non será a definitiva”, pero ve o traballo, realizado polo Proxecto de Investigación da Vacina da SIDA (un conglomerado de empresas públicas e privadas) como unha mostra de que se está “no bo camiño”, sobre todo porque existe unha ampla marxe de mellora sobre o fármaco utilizado neste estudo, elaborado co propio virus de cada participante.

Outro dos autores, o xefe da Unidade de Inmunopatoloxía da SIDA do Instituto de Saúde Carlos III, José Alcamí, abunda na idea de que é posible mellorar o mecanismo de elaboración da vacina. Esta fabrícase con células dendríticas, do sistema inmunolóxico, que se mesturan co VIH do/a paciente. “Hai mecanismos que permiten que o procesamento sexa máis eficaz”, comenta. Outra posibilidade sería combinar a vacina cun potenciador do sistema inmunolóxico que se utiliza na actualidade en moitas vacinas.

Gatell apunta unha vía na que hai depositadas grandes esperanzas: o uso conxunto desta vacina cos antirretrovirais. Trátase de administrarlla a pacientes que xa conseguiron unha carga viral indetectable grazas aos fármacos antirretrovirais, retirarlles a medicación e observar se o virus volve aparecer.

Os mesmos autores do estudo publicado están a realizar xa este traballo en 36 persoas seropositivas tratadas, á metade dos cales se lles administrou a vacina. “Haberá que ver se a carga viral mantense indetectable ou se hai un rebote”, comenta Gatell, que cre que a finais de ano teranse os resultados. “Se o virus mantivésese inamovible durante tres ou catro anos tamén sería perfecto”, especula o investigador catalán. “En pacientes tratados/as hai máis posibilidades de que haxa resposta. O VIH intoxica ao corpo e, cando o tratas, recupérase o sistema inmunolóxico. É previsible que a vacina sexa máis eficaz”, comenta Alcamí, que tamén participa no segundo estudo.

Vacina á carta

Para este investigador, a característica máis importante do composto é, precisamente, “que se trata dunha vacina á carta”, elaborada aplicando un pulso eléctrico ás células dendríticas co virus do/a paciente. “Canto máis próximo sexa o patóxeno, máis específica e potente será a resposta”, explica Alcamí.

Por esta razón, unha posible utilidade deste tipo de fármacos sería o dos/as pacientes resistentes aos fármacos antirretrovirais, aínda que, segundo explica o investigador do Instituto de Saúde Carlos III, agora mesmo non existen enfermos/as deste tipo “desde a introdución en 2007 do que chamamos a segunda xeración de terapia antirretroviral de alta eficacia”. Con todo, se os/as pacientes que hoxe responden aos novos fármacos acabasen desenvolvendo resistencias, “podería ser unha opción”.

Tanto este investigador como Gatell teñen claro que, nun futuro próximo, daranse moitos máis pasos en dirección a unha vacina terapéutica definitiva.