Unha hiena e un emú, protagonistas da nova campaña de sensibilización sobre drogas da FAD

Cartel da campaña

31/03/2014

Poderías realizar unha entrevista de traballo acompañado dunha hiena?. E estudar para un exame cun emú na túa habitación?. Probablemente non. Pois consumindo drogas, tampouco. Este é o concepto creativo sobre o que se sustenta a última campaña de sensibilización sobre o consumo de drogas presentada hoxe polo director xeral da FAD (Fundación de Axuda contra a Drogadicción), Ignacio Calderón.

Co slogan “Crees que as drogas che axudan?” o seu obxectivo é cuestionar a hipotética funcionalidade que o consumo de drogas pode ter para determinadas actividades ou como poden interferir en procesos fundamentais da vida como pode ser estudar ou realizar unha entrevista de traballo.

De feito, segundo datos da última Enquisa Estatal sobre Uso de Drogas en Ensinos Secundarios (ESTUDES) 2012-2013, elaborada pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, o 44% dos mozos/as de 14 a 18 anos que consome cannabis repetiu curso, fronte ao 27,9% de repetidores/as entre o non consumidores/as. Por outra banda, a porcentaxe de boas notas (notable/sobresaliente) é maior entre os/as estudantes que non consomen cannabis (41,3% fronte a 26%).

En definitiva trátase, en palabras do director xeral da FAD, Ignacio Calderón, de “tratar de provocar a reflexión acerca de que espazo queremos que as drogas ocupen na nosa sociedade. A mocidade hoxe en día, pola especial situación de crise que vivimos, teñen por diante retos fundamentais: formarse, atopar traballo, desenvolver o seu proxecto vital. As drogas van axudarlles neste proceso? Decididamente, non”.

O concepto creativo da campaña foi plasmado en dous anuncios para TV ("Ir a unha entrevista cunha hiena non che axudará a sonseguir traballo" e "Estudar xunto a un emú non che axudará a aprobar nin un só exame"), unha cuña de radio e unha gráfica para prensa e publicidade exterior.

A campaña permanecerá activa polo menos 6 meses, sendo difundida de forma gratuíta pola gran maioría dos medios de comunicación españois de ámbito nacional, autonómico e local, a quen a FAD quere agradecer a súa colaboración completamente desinteresada sen a cal sería imposible o desenvolvemento deste tipo de iniciativas.

Fonte: FAD