Tratamento máis temperán no <abbr title="Virus de Inmunodeficiencia Humana">VIH</abbr>: nova recomendación da <abbr title="Organización Mundial da Saúde">OMS</abbr>
05/07/2013
As novas directrices terapéuticas da Organización Mundial da Saúde (OMS) recomendan un inicio máis temperán do tratamento antirretrovírico (TAR). Probas recentes indican que un TAR máis cedo axudará aos infectados/as polo VIH a vivir máis tempo e con mellor saúde, ademais de reducir substancialmente o risco de transmisión do virus. Este cambio podería evitar 3 millóns máis de mortes e 3,5 millóns máis de novas infeccións polo VIH de aquí ao 2025.
As novas recomendacións preséntanse nunha publicación da OMS titulada Directrices unificadas sobre o uso de medicamentos antirretrovíricos para o tratamento e a prevención da infección polo VIH, ao mesmo tempo que novos datos revelan que a finais de 2012 había 9,7 millóns de persoas en tratamento con estes fármacos que poden salvarlle a vida aos pacientes.
“Estas directrices representan outro salto adiante na tendencia a fixarse obxectivos cada vez máis ambiciosos e a obter logros cada vez maiores”, dixo a Directora Xeral da OMS, Dra. Margaret Chan. “Agora que hai preto de 10 millóns de persoas en tratamento con antirretrovíricos, algo impensable fai tan só algúns anos, podemos alimentar o impulso necesario para forzar a declinación irreversible da epidemia de VIH”.
Iniciar máis cedo o tratamento antirretrovírico
Nas novas recomendacións aléntase a todos os países a que inicien o tratamento dos adultos infectados por VIH cando a cifra de linfocitos CD4 sexa igual ou inferior a 500/mm³, é dicir, mentres o sistema inmunitario aínda é forte. A recomendación anterior da OMS, establecida en 2010, era ofrecer tratamento cando dita cifra fose igual ou inferior a 350/mm³. O 90% dos países adoptaron a recomendación de 2010, e algúns, como Alxeria, Arxentina ou Brasil, xa están a ofrecer tratamento aos pacientes con 500 células/mm³.
A OMS baseou a súa recomendación en probas que revelan que o tratamento máis temperán con fármacos seguros, alcanzables e de manexo máis fácil pode manter saudables dos/as pacientes infectados polo VIH, ademais de reducir a cantidade de virus no sangue, o cal reduce á súa vez o risco de transmisión a outras persoas. No informe sinálase que se conseguen integrar estes cambios nas políticas nacionais de loita contra o VIH e apoialos cos recursos necesarios, os países obterán importantes beneficios desde o punto de vista tanto da saúde pública como da saúde individual.
Proporcionar o tratamento aos menores de 5 anos e embarazadas
Nas novas directrices tamén se recomenda proporcionar TAR a todos os menores de 5 anos, todas as embarazadas e todas as mulleres lactantes con infección polo VIH, así como a todos os/as infectados cuxa parella non estea infectada, independentemente da súa cifra de linfocitos CD4. A Organización segue recomendando a administración de TAR a todos/as os/as infectados/as polo VIH que tamén padezan tuberculose activa ou hepatite B.
Outra nova recomendación é que se ofreza a todos os adultos que empecen a tomar TAR a posibilidade de recibir un só comprimido diario dunha mesma combinación de medicamentos en doses fixas que é máis fácil de tomar e máis segura que as combinacións alternativas recomendadas anteriormente, e que pode utilizarse en adultos, embarazadas, adolescentes e nenos maiores.
“Avances como este permiten que os nenos e as embarazadas accedan ao tratamento antes e con maior seguridade, e que nos acheguemos ao obxectivo de lograr unha nova xeración sen SIDA”, dixo Anthony Lake, Director Executivo do UNICEF. “Agora temos que intensificar os nosos esforzos e investir en innovacións que nos permitan realizar as probas máis rapidamente nos recentemente nados, a fin de proporcionarlles un tratamento adecuado para que poidan empezar a vida nas mellores condicións posibles”.
Fonte: OMS