Cada ano 200 novos casos de VIH en Galicia

Virus de Inmunodeficiencia Humana

28/11/2009

Ó ano detéctanse en Galicia algo máis de douscentos novos casos de infección por VIH, o que supón unha media de 74 casos por millón de habitantes. Os datos son os primeiros que ofrece a Consellería de Sanidade, xa que até o momento só había datos sobre a fase final da enfermidade, é dicir, sobre os usuarios/as que xa desenvolveron a SIDA. Galicia súmase a oito comunidades que xa teñen un rexistro de VIH, e dos que se desprende que a comunidade galega teñen unha incidencia menor que a media estatal (74 casos por millón fronte a 86).

Este último dato, con todo, é relativo, xa que no último ano no que se establece unha comparativa, o 2007, a incidencia galega superou á estatal (77,2 casos en Galicia fronte 74,7 en España). Pilar Farjas, conselleira de Sanidade, presentou estes datos con motivo do Día Mundial da SIDA que se celebra o próximo 1 de decembro e que achegan unha perspectiva diferente da enfermidade.

A conselleira fixo fincapé en que estas cifras de infección por VIH deixan claro que a práctica de risco que está máis asociada a este virus é a transmisión sexual, e en concreto as relacións heterosexuais, que supoñen o 41,7% do total. O contaxio por relacións homosexuais é dun 26,6%, mentres que a transmisión por compartir material de inxección no consumo de drogas por vía parenteral supón a cuarta parte dos novos casos que aparecen cada ano.

A maior incidencia de VIH en Galicia dáse entre homes, con máis do 75% dos casos totais, mentres que a idade na que adoita realizarse o diagnóstico é o tramo que vai dos 25 aos 44 anos de idade.

Outro dato interesante é que, un dos principais problemas no tratamento e o posterior desenvolvemento do virus é o seu diagnóstico tardío. Segundo os datos do novo Sistema de Información Galego sobre a Infección polo VIH presentados onte, o 35% dos infectados/as xa se atopan nunha situación de inmunosupresión alta porque o diagnóstico chegou tarde.

Pero si algo chama a atención nas cifras achegadas por Pilar Farjas é a importante porcentaxe de afectados polo VIH no colectivo de estranxeiros/as da comunidade, o que implica para a Consellería de Sanidade que sexa necesario diversificar os programas de prevención para adaptarse a esta poboación, especialmente vulnerable, sobre todo no caso das mulleres.

O 19% dos novos infectados/as por VIH foron estranxeiros/as entre o período 2004-2008. En concreto, neste último ano, houbo 151 novos diagnósticos de poboación galega e 37 foron doutros países. Do colectivo inmigrante, o 55% pertencen a países latinoamericanos, o 27% son europeos/as, e uns 15% subsaharianos/as.

 

FONTE: A VOZ DE GALICIA