SEN SAÚDE MENTAL NON HAI SAÚDE

Saúde Mental

09/10/2024

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde) é un estado de benestar emocional e psicolóxico que permite ás persoas empregar as súas habilidades mentais, sociais e sentimentais para desenvolverse nas interaccións cotiás.

A sociedade non lle dá toda a importancia que se merece este ámbito da saúde e non podemos esquecer que España segue sen posuir un plan específico de prevención do suicidio, mentres éste segue sendo, dende o ano 2008, a principal causa de morte externa en España.

Os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) en decembro do 2023 amosan:

  • 4.227 suicidios en España
  • 11,6 suicidios diarios
  • un aumento considerable do suicidio adolescente (na franxa de 15 a 19 anos)

Tampouco podemos esquecer que hai preto de 3 millóns de persoas maiores de 15 anos diagnosticadas con depresión en España, converténdose na enfermidade máis prevalente do noso país; por outra banda os TCA (Trastornos da Conducta Alimentaria) son a terceira enfermidade crónica máis frecuente na adolescencia, e ante todo este panorama só contamos con 6 profesionais da psicoloxía por cada 100.000 habitantes. 

A saúde mental, ademais, non é algo que afecte unicamente á poboación adulta, aproximadamente un de cada cinco adolescentes ten un trastorno de saúde mental, e preto da metade dos tratornos aparecen antes dos 14 anos polo que cremos necesario, máis ca nunca, traballar dende idades temperás na xestión emocional para promover estilos de afrontamento saudables, potenciar habiliades de relacións interpersoais e desestigmatizar as problemáticas relacionadas coa saúde mental.