SAÚDE MENTAL E CANNABIS

Saúde mental e cannabis

21/03/2022

O informe ESTUDES 2021 do Observatorio Español das Drogas e Adiccións (OEDA) revela un descenso no consumo de cánnabis na adolescencia, pero este descenso no consumo desta substancia debe interpretarse coa cautela que se merece; posto que se deben ter en consideración as circunstancias tan particulares que marcaron as consecuencias da pandemia e o confinamento. 

De feito, como apunta Antonio Rial (autor do estudo Psychometric properties of CAST for early detection of problematic cannabis use in Spanish adolescents) xa se está observando que esta aparente diminución ten o seu posible efecto rebote. 

Po outra banda, hai que ter en conta que a tendencia dos últimos anos indica que  o consumo se inicia cada vez a idades máis temperás, e cuns niveis de THC máis elevados; isto último provoca un maior proceso aditivo e maiores e peores consecuencias. 

Débese ter en conta que o aumento no consumo atende a varios factores entre os que cabe destacar:

  • maior dispoñibilidade da substancia, debida en gran medida ó incremento do autocultivo
  • prezo asequible da substancia
  • percepción de risco moi diminuída, asociada en parte a idea do seu emprego terapéutico

O que se pode constatar finalmente é que o patrón de consumo é peor do que se pensaba, as persoas máis vulnerables para xerar unha dependencia son aquelas que están nun estado emocional negativo, e na estapa da adolescencia determinados factores como o ambiente familiar, a autopercepción, ou calidade das amizades poden determinar, en gran medida, o benestar nesta etapa do ciclo vital.

FONTE: GCiencia.