SABEMOS REALMENTE AS CONSECUENCIAS DO CONSUMO DA PORNOGRAFÍA?

Cartel

06/11/2024

O obxectivo destas xornadas entre outros é promover unha maior sensibilización social respecto ás implicacións do crecente consumo de pornografía, a idades cada vez máis temperás, diversos estudos están amosando a serias consecuencias do visionado deste contido nuha etapa na que non están preparados evolutivamente. 

O mundo do porno cambiou moito, hai uns anos era algo que se tiña que buscar (revistas, cintas de vídeo, cines especializados, etc.…), pero agora é unha potente industria que inunda as redes, amosando contidos nos buscadores sen necesidade de  solicitalo e, proporciona miles de imaxes, cada cal máis extrema e con gran contido violento (os contidos máis demandados son, entre outros, as violacións en manada), sen restricións, a un clic de calquera persoa que navegue por internet.

As investigacións amosan como o “novo porno” ou porno na rede, se converteu no “educador sexual” da xuventude. En España, os datos son preocupantes: o primeiro acceso ós contidos porno adiantáronse ós 8 anos e o visionado periódico xa está xeralizado ós 14 anos, 3 de cada 10 xoves consumen porno tódalas semanas e 1 de cada 10 faino a diario. É algo que se fai a escondidas, ocúltase, só o 1% de proxenitores saben que a súa filla ou fillo está accedendo a este tipo de contidos, que ademais inclúen, nunha porcentaxe moi elevada, contidos agresivos e violentos.

Nunha sociedade na que non se fala con naturalidade sobre a sexualidade, moitas rapazas e rapaces pensan que eses contidos lles dan información real sobre como son os corpos, como é a sexualidade, que se agarda deles e delas. Esto dá lugar a unha banalización da sexualidade, (perdendo o seu significado), a que se desenvolvan condutas de risco (sexo sen protección), que haxa unha cosificación dos corpos (sobre todo do feminino), a unha aceptación simbólica da violencia ( as rapazas consideran que son transgresoras levando a cabo ese tipo de prácticas sexuais, cando en realidade son vítimas), a que no estean a gusto cos seus propios corpos e, nalgúns casos, a que desenvolvan nas súas relacións condutas violentas como normais e a que lancen mensaxes confusas sobre o consentimento. Unha das consecuencias do consumo deste tipo de contidos é que están atacando a tres dos factores clave dunha sexualidade saudable: o vínculo seguro e respecto, o consenso nas prácticas a levar a cabo, e o pracer compartido, producindo en último termo unha redución considerable da empatía.