REGULACIÓN DA PUBLICIDADE DO XOGO E APOSTAS

Xogo limpo

10/09/2021

Na madrugada do pasado 31 de agosto entraba en vigor a nova regulación da publicidade do xogo e apostas deportivas. Entre os cambios a destacar, salientar que a publicidade do xogo e apostas queda prohibida na televisión en calquera momento do día que non sexa de unha a cinco da madrugada.

Por outra banda, búscase protexer ós/ás menores de idade e aquelas persoas con problemas patolóxicos con algún tipo de xogo de azar. Internet é unha das vías de entrada máis directa a este tipo de publicidade por parte das persoas menores de idade, por esta razón, a lei contempla un control parental con bloqueos de anuncios, deste xeito a publicidade non se pode dirixir a estas idades de alta vulnerabilidade. 

Ademais, dende os equipos de fútbol non se poden asinar contratos de patrocinio con casas de apostas que resulten en amosar logotipos identificaativos nas equipacións ou estadios. A lei contempla tamén a prohición de rebautizar as instalacións deportivas co nome dalgunha casa de apostas de xogo. O seu incumprimento pode supor unha multa de ata un millón de euros.

A todo o anterior, tamén se engade que persoalidades que poidan ser referentes para a poboación ou para unha idade vulnerable non poderán aparecer en anuncios de empresas do xogo nin apostas. Así mesmo, prohíbese tamén trasladar unha mensaxe de que as persoas obteñen beneficios do xogo ou son habilidosas para gañar ou acadar o premio, xa que isto crea unha falsa percepción de control que pode inducir á confusión e falsa percepción de control sobre algo que depende do azar.