Radiografía a mocidade española

Grupo de rapazas

13/08/2012

Valoran a súa vida cun 7,86; e aínda que case a metade ten algún malestar psicosomático, perciben a súa saúde como excelente ou boa. Comen pouca froita e verdura, fan pouco exercicio (aínda que o 21% practícao todos os días da semana) e o 14% bebe alcol todas as semanas. A grandes liñas, este é o debuxo da adolescencia española que traza unha gran enquisa europea.

O estudo "Health Behaviour in School Aged Children 2011" que leva a cabo desde hai 30 anos en varios países europeos, arroxa especificamente o retrato da mocidade española grazas ás enquisas realizadas a máis de 11.200 mozos/as de 11 a 18 anos que se atopan dentro do noso sistema educativo.

E as súas conclusións debuxan unha mocidade que se emborracha por primeira vez aos 13,8 anos; que segue elixindo o preservativo como método anticonceptivo por excelencia e que, a trazos xerais, non mostra grandes diferenzas entre aqueles escolarizados en centros públicos e privados.

O documento, que pode lerse na páxina web do Ministerio de Sanidade, observa que a percepción sobre o estado de saúde entre mozos e mozas vai empeorando levemente coa idade; aínda que esta diminución é menor nelas.

Desde o punto de vista sexual, o 34,6% mantivo relacións coitais; unha porcentaxe algo superior en mozos e que vai crecendo coa idade, até o 55% entre os que teñen 17-18 anos (49,7% no caso delas)/delas). Neste sentido, aínda que os mozos de familias con capacidade adquisitiva baixa son os que máis manifestan ter relacións sexuais (38% fronte a 33% nas familias de clase alta), a enquisa non detecta diferenzas entre os alumnos de centros públicos e privados.

Pílula poscoital

No caso das mozas, o 26,9% das que tivo relacións asegura tomar algunha vez a pílula do día despois (o que supón o 6,45% das mozas de 15 a 18 anos). "Unha vez" é a resposta máis frecuente nesa franxa de idade, aínda que o número das que recorreron a este método de emerxencia dúas veces é superior nas mozas de 17-18 anos (9%) que nas de 15-16 (só 2,7%).

E de novo neste apartado, aínda que as mozas de clase baixa tomaron a pílula poscoital con algo máis de frecuencia (31,5% fronte a 23% nas de clase alta), non houbo diferenzas entre alumnas de centros públicos e privados. En cambio, si son os mozos de colexios públicos os que máis usan o preservativo (75,6% fronte a 72,1%).

O número de adolescentes que estivo embarazada (ou, para os mozos, que deixou embarazada a unha moza) non alcanza o 1,5% entre todos os mozos de 15 a 18 anos que manteñen relacións. Aínda que, de novo, a porcentaxe é algo superior a medida que se van achegando á franxa de 17-18 anos. Neste apartado si se acentúan lixeiramente as diferenzas en función da titularidade do centro.

Consumo de drogas

Respecto ao alcol, o 43% emborrachouse polo menos algunha vez na súa vida; aínda que esta cifra vai crecendo coa idade até chegar ao 68,9% os 17-18 anos. En todos os grupos de idade, os episodios de embriaguez son maiores en mozos, con excepción do grupo de 15-16 anos. A enquisa tamén reflicte que o 8,9% fuma a diario e o 13,9% bebe todas as semanas.

Sobre o consumo de drogas, aínda que o cannabis é a máis consumida, o 71% dos mozos non o probou nos últimos 12 meses. Con todo iso, valoran a calidade da súa vida cun 34,6 sobre 50, aínda que esta "nota media" vital descende un pouco coa idade; e de maneira máis pronunciada no caso das mozas.

 

FONTE:  As Drogas Info