"<em>Eu non vendo alcohol a menores</em>"
19/12/2013
A Asociación Renacer e o Concello de Ribeira coa colaboración da Asociación de Empresarios de Ribeira, a través do Centro Hostaleiro Aberto, puxeron en marcha unha campaña preventiva que ten por obxectivo sensibilizar á sociedade dos riscos do consumo de alcohol entre a mocidade do noso concello. Por isto, é importante informar da existencia da Lei 11/2010 que prohibe o consumo, venda e promoción de bebidas alcohólicas a menores de idade. Con esta fin deseñáronse carteis e dípticos informativos que se distribuirán polos establecementos dispensadores de alcohol do Concello de Ribeira.
O consumo de alcohol é un dos problemas que máis inquieta a nosa sociedade e, máis concretamente, o levado a cabo pola poboación máis nova. No estudio que realizamos dende a nosa asociación destaca o consumo case xeneralizado do alcohol entre a mocidade o que concorda con outros estudos realizados nestes últimos anos que indican que o patrón de consumo de alcol en mozos/as cambiou e ademais a accesibilidade da mocidade á hora de conseguir estas sustancias incrementouse e o seu consumo cada vez está mais normalizado.
É importante seguir poñendo en marcha estratexias preventivas, xa que a prevención implica actuar para que un problema non apareza ou, no seu caso, para diminuír os seus efectos actuando sobre a demanda e oferta da sustancia:
-Sobre a demanda: intervindo sobre o interese, o desexo ou a necesidade das persoas de tomar drogas e sobre o ambiente que facilita o seu consumo. Trátase de axudar a desenvolver en aqueles recursos e capacidades que as afasten do interese e a necesidade por tomalas e, ao mesmo tempo, de crear un ambiente saudable no cal exista unha información realista e obxectiva sobre as drogas, libres de mitos e significados positivos sobre elas. Para isto desenvolvemos nos centros de ensino intervencións específicas cos rapaces e rapazas.
- Sobre a oferta: diminuíndo a presenza de drogas e limitando a dispoñibilidade da sustancia. Para isto é importante o coñecemento e aplicación da lexislación vixente.
Este último é o obxectivo que se persegue con esta campaña informativa dirixida ó sector hostaleiro. Esta consta dun díptico informativo sobre as limitacións da oferta de bebidas alcohólicas e o réxime sancionador que contempla a lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e dun cartel que manifesta o compromiso con esta medida baixo o lema “Eu non vendo alcohol a menores”.